Xuventude organiza un curso de xestión e dirección de proxectos de participación xuvenil dirixido a 90 profesionais
A Consellería de Traballo e Benestar está a organizar entre este mes e abril nas cidades de Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo un curso de xestión e dirección de proxectos de participación xuvenil dirixido a un total de 90 traballadores e xestores do eido da xuventude, profesores, directivos de entidades xuvenís e de acción voluntaria e estudantes universitarios.
O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolve a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, é mellorar as competencias na planificación, redacción e xestión de proxectos de participación xuvenil no eido da educación non formal. Cada acción formativa, de 50 horas de duración, vai destinada a un máximo de 15 alumnos para favorecer unha atención máis personalizada aos participantes.
Das 50 horas de duración de cada un dos cursos, 25 son teórico presenciais e outras tantas son prácticas, onde se inclúe a participación dos alumnos nas xornadas do programa Incubadora de Proxectos, que ten como obxectivo achegar os novos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude aos concellos galegos.
O curso está dividido en 5 módulos. No primeiro realízase unha introdución á estruturación, deseño e xestión de proxectos de participación. No segundo e no terceiro analízanse o deseño e elaboración dun proxecto de participación xuvenil, mentres que o cuarto tratará sobre a execución, avaliación e xustificación dos proxectos. Por último, o quinto módulo servirá para a formación dos alumnos en aptitudes e habilidades transversais.
Durante o período de inscrición do curso, foron máis de 300 os interesados na súa realización, polo que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado levará a cabo unha segunda edición desta acción formativa.