Xunta de Goberno: O Bolo, 10.000 € para a IX Festa da Vitela e 50.000 € para D.O. Valdeorras. Pleno Deputación: Máis de 2,7 millóns de euros a concellos, asociacións e entidades da provincia
- A Deputación de Ourense destina máis de 2,7 millóns de euros a concellos, asociacións e entidades da provincia
- O pleno da Corporación Provincial, celebrado hoxe, aprobou unha modificación de crédito que ascende aos 2.770.683 euros que permitirá destinar a 51 concellos, asociacións e entidades da provincia de Ourense para temas de cultura, deporte, infraestruturas e promoción económica
- Asemade, a Deputación de Ourense aprobou solicitar ao Goberno de España, que o Concello de Riós acolla o centro nacional de referencia para o castaño
O pleno da Corporación Provincial correspondente ao mes de xullo de 2016 aprobou hoxe unha modificación de crédito que ascende aos 2.770.683 euros, que permitirá destinar axudas a 51 concellos, asociacións e entidades da provincia de Ourense para actuacións en materia social, cultural, deportiva, de infraestruturas e de promoción económica.
Asemade tamén se aprobou solicitar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno de España a creación do Centro de Referencia para o castaño no municipio de Riós, pola importancia que ten a castaña nesta localidade.
A totalidade dos acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado hoxe foron os seguintes:
RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE PARA O EXERCICIO 2016
Acordo:
Desestimar o recurso de reposición interposto por don Daniel Albornoz Domínguez e don José Álvarez Álvarez contra o acordo do Pleno da Deputación de 29 de abril de 2016 polo que se resolveron as reclamacións formuladas e se aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2016, confirmando a resolución impugnada.
SOLICITUDE AO MINISTERIO DE FACENDA E ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DE DELEGACIÓN DA INSPECCIÓN DO IAE DOS MUNICIPIOS DE LOBIOS E A VEIGA
Acordo:
1º.- Solicitarlle ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a delegación da competencia inspectora que o artigo 91.3 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo RDL 2/2004, do 5 de marzo, lles atribúe aos órganos da Administración Tributaria Estatal, respecto do Imposto sobre Actividades Económicas, dos municipios de Lobios e A Veiga, cos límites e condicións establecidos na Orde do 10 de xuño de 1992.
2º.- Facultar ao Sr. presidente para a realización das xestións necesarias e formalización de documentos precisos para a execución do presente acordo.
EXPEDIENTE DE MOFIDICACIÓN DE CRÉDITOS N.º 4/2016
Acordo:
Aprobar a modificación de créditos n.º 4/2016 do expediente.
De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno.
O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.
SERVIZOS DE PESADA E BÁSCULA INDUSTRIAL E PUNTO DE ALMACENAMENTO TEMPORAL DE RESIDUOS DE CONSTRUCIÓN E DEMOLICIÓN NO COMPLEXO MEDIOAMBIENTAL DA BAIXA LIMIA
Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente a Ordenanza Fiscal reguladora das taxas pola prestación dos servizos de punto de almacenamento temporal de residuos da construción e demolición e báscula de peso industrial no complexo medioambiental da Baixa Limia, de titularidade do Concello de Muíños.
2º.- Someter a información pública, por prazo de trinta días hábiles, o acordo de aprobación inicial adoptado, mediante anuncios que se publicarán no taboleiro de anuncios da Deputación Provincial, no Boletín Oficial da Provincia e nun dos diarios de maior difusión da provincia. O prazo de información pública computarase a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín, e durante o dito prazo os interesados poderán formular as alegacións ou suxestións que consideren oportunas, que serán obxecto de resolución expresa polo Pleno da Deputación. En caso de non formularse alegacións en prazo, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial, procedéndose á publicación da ordenanza para a súa entrada en vigor.
SOLICITUDE AO GOBERNO DE ESPAÑA QUE OURENSE, EN RIÓS, ACOLLA O CENTRO NACIONAL DE REFERENCIA PARA O CASTAÑO
Acordo:
Solicitarlle ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno de España que decida a creación do Centro de Referencia para o Castaño e a súa localización en Riós, provincia de Ourense.
Remitirlle copia deste acordo ao Presidente da Xunta de Galicia.
RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA E CONDENA DA DITADURA FRANQUISTA
Acordo:
1. Manifestar a súa condena ao golpe de Estado perpetrado por Franco, ao réxime ditatorial consecuencia deste golpe de Estado e aos crimes e represións exercidos sobre as persoas vencidas.
2. Eliminar, suprimir o anular os acordos, distincións e símbolos, se os houbera, que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa ditadura.
3. Instar a que as institucións e administracións competentes prosigan coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida na Guerra Civil e durante o franquismo, e as relativas á colaboración na identificación dos desaparecidos e soterrados en fosas comúns durante a ditadura franquista.
Xunta de Goberno
Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou máis de 600.000 euros en axudas para asociacións, fundacións, concellos e consellos reguladores, destinadas a temas de servizos sociais, cultura, turismo e infraestruturas da provincia de Ourense.
En concreto aprobou tres axudas, unha delas por importe de 22.856,74 euros para o Concello de Bande, destinada á mellora de captación de augas termais do municipio. A outra axuda foi para o Concello do Bolo, por 10.000 euros, para a IX Festa da Vitela, en concreto para traxes e instrumentos do folión de Buxán. Por último, unha axuda de 25.000 euros concedida ao Concello de Castro Caldelas para promoción turística.
Na reunión tamén se resolveron tres concursos para a concesión de axudas, a primeira delas para os consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas para acción de promoción e xestión durante o ano 2016, polo que cada un dos consellos reguladores da provincia -Monterrei, Valdeorras, Ribeiro e Ribeira Sacra- recibirán unha axuda de 50.000 euros.
O segundo dos concursos tiña como finalidade a concesión de subvencións para gastos de investimento correspondentes ao ano 2016 e con destino ás asociacións veciñais de Ourense. A Xunta de Goberno aprobou un total de 100.000 euros que serán repartidos entre 60 entidades da provincia.
En terceiro lugar, resolveuse o concurso para a concesión de subvencións para proxectos de prestación de servizos sociais no presente ano, para máis de 50 asociacións e fundacións ourensáns por un importe superior aos 260.000 euros.
Por último, no ámbito cultural a Xunta de Goberno aprobou a fixación de prezos públicos da Escola Provincial de Danza para o curso 2016-2017, e tamén a fixación de prezos de publicacións que editará a Deputación.
Outros dos asuntos aprobados na xuntanza foron dúas expropiacións forzosas, unha para a execución da obra de mellora da estrada provincial OU–0415 Brués-Portela da Cruz, no municipio de Beariz; e a outra, para a execución da obra «acondicionamento camiño rural Hedrada-OU-0604, no municipio de Parada do Sil.