«Xoves de Terraceo» en Trives
- Actuacións os días 8 e 22 de xullo e 5 de agosto
Dous establecementos locais da Pobra de Trives decidiron recuperar o bo ambiente de verán pre-pandemia na terraza que comparten. E para iso, presentan unha programación de música en directo, en pequeno formato e baixo o título «Xoves de Terraceo», na Praza Doutor Paz desta localidade.
No primeiro cartel, A Cantina do Catro e O Boliche anuncian actuacións para os días 8 e 22 de xullo e 5 de agosto. Tres primeiras actuacións nas que estarán os lucenses Carta de Ajuste, The Lioness Treasure de Sarria, e o coruñés Pablo Balseiro. Nestas primeiras veladas a música será a protagonista para goce daqueles e daquelas que decidan pasar unha noite divertida á fresca. Todas as actuacións son gratuítas.
Este xoves, 8 de xullo, enceta o ciclo o dúo de versións dos 80-90 cargadas de humor: CARTA DE AJUSTE
Moito máis que un concerto
Baixo o lema “O mellor e o peor dos 80 e 90 en concerto”, Carta de Ajuste articula un show no que comedia e música fusiónanse a partes iguais, buscando a complicidade e interacción do espectador en todo momento e atrapando a quen se achega nunha festa disparatada pero dentro dun orde.
Este dueto presenta unha formación pouco usual tendo en conta o repertorio que defenden. Unha guitarra española, unha caixa peruana e dúas voces confiren ás versións adaptadas un son peculiar e característico que sorprende, abordando dende un punto de vista diferente cancións que levamos escoitando toda a vida.