Xornadas técnicas sobre os usos da auga mineiro-medicinal

  • A Deputación de Ourense acolle unhas xornadas técnicas sobre os usos da auga mineiro-medicinal
  • Celebraranse no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» os vindeiros 21 e 22 de setembro co obxectivo de dar a coñecer aos profesionais da saúde as augas termais da nosa contorna e as actuacións que realizan nesta materia as administracións públicas
  • Rosendo Fernández dixo na presentación das xornadas que este evento «pretende promover a divulgación, a investigación e a transmisión de coñecementos para achegar á cidadanía os beneficios das augas termais a través dos profesionais sanitarios»

 

José Luis Jiménez, Rosendo Fernández, Eloína Núñez, Ascensión Pérez, Jesús Vázquez e Eugenia Díaz

José Luis Jiménez, Rosendo Fernández, Eloína Núñez, Ascensión Pérez, Jesús Vázquez e Eugenia Díaz

Promover a divulgación, a investigación e a transmisión de coñecementos para achegar á cidadanía os beneficios das augas termais a través dos profesionais socio-sanitarios son, segundo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, os obxectivos das xornadas técnicas sobre os usos da auga mineiro-medicinal. Un evento que terá lugar os vindeiros 21 e 22 de setembro no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense e que reunirá a expertos en termalismo e profesionais sanitarios e de farmacia para debater e achegar os últimos avances existentes nos usos das augas termais da provincia de Ourense.

En concreto, trátase de dar a coñecer aos profesionais sanitarios «o recurso singular que todos temos ao alcance da nosa man, como é a riqueza termal da nosa provincia, para aproximar o termalismo, esa «medicina lenta», á actividade diaria dos profesionais da saúde», explicou Rosendo Fernández, quen agradeceu ademais a cooperación da Universidade de Vigo –Campus de Ourense- con esta iniciativa, e en concreto, o seu traballo a prol do Campus da Auga.

O acto de presentación tivo lugar no Pazo Provincial e contou ademais coa participación do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; do presidente do Colexio de Médicos de Ourense, José Luis Jiménez; da xerente de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco, Eloína Núñez; da presidenta do Colexio de Enfermaría de Ourense, Ascensión Pérez, e de Eugenia Díaz, en representación do Colexio de Farmacéuticos de Ourense.

As xornadas técnicas analizarán os usos das augas termais desde dúas perspectivas: os balnearios da provincia de Ourense e As Burgas, con relatorios e mesas redondas que abordarán temas referidos aos recursos termais do territorio provincial, os controis sanitarios no ámbito termal, as aplicacións terapéuticas dos balnearios e das Burgas e o por que e para que un profesional da saúde debe coñecer a realidade das augas mineiro-medicinais de Ourense.

As inscricións pódense realizar desde hoxe a través da web https://www.ticketea.com/entradas-curso-termalismo

Para máis información:

988 317 760 (Deputación de Ourense) e 988 228 417 (Colexio de Enfermaría de Ourense).

También te podría gustar...