Xornadas técnicas sobre os usos da auga mineiro-medicinal termal

  • Comezan as xornadas técnicas sobre os usos da auga mineiro-medicinal termal

img-20160617-wa0002

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou esta tarde, na inauguración das xornadas técnicas sobre termalismo, que baixo o lema «Os profesionais da saúde ante os usos da auga mineiro-medicinal termal», reunirán durante hoxe e mañá, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, a preto dun centenar de expertos en termalismo e profesionais sanitarios e de farmacia para debater e achegar os últimos avances existentes nos usos das augas termais da provincia de Ourense.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou na súa intervención a importancia desta xornadas para o goberno provincial por ser «o comezo dunha estratexia de colaboración co Concello de Ourense, co SERGAS (a través da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín, e O Barco de Valdeorras), e cos colexios profesionais da provincia de médicos, farmacéuticos e enfermaría, para entre todos, impulsar un maior e mellor uso das augas mineiromedicionais termais da provincia».

Nesa mesma liña de colaboración, Rosendo Fernández, anunciou a solicitude de cooperación que a Deputación de Ourense vai a realizar aos tres colexios profesionais «para que nos asesoren e fagan as achegas que consideren no deseño e mellora do noso Programa de Termalismo Provincial para 2017».

Asemade, o vicepresidente da Deputación de Ourense adiantou que «para poñer en valor os coñecementos que aquí se expoñan, publicaremos un libro cos relatorios e os resultados destas xornadas, que se distribuirá entre os colexiados dos tres colexios profesionais, ademais de ser accesible en formato dixital para todo o que se interese polo mesmo».

Na inauguración tamén participou o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez; a xerente de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco, Eloína Núñez; a presidenta do Colexio de Enfermaría de Ourense, Ascensión Pérez, e Eugenia Díaz, en representación do Colexio de Farmacéuticos de Ourense.

Os relatorios de hoxe correrán a cargo de José Ángel Cid, profesor da Universidade de Vigo, que falará de «¿Por qué Ourense ten recursos termais?». Posteriormente, a profesora María José Pérez Álvarez, tratará o tema dos controis que pasan as augas da provincia. Pola súa banda, a directora médica de Caldaria, responderá ás cuestións: «Qué é e qué non é un balneario, e cáles son as aplicacións terapéuticas dos balnearios da provincia de Ourense».

O director da Área de Benestar da Deputación de Ourense, Jose Juan Cerdeira, falará dos programas de termalismo social do goberno provincial, para continuar, posteriormente, cunha mesa redonda na que se debaterá sobre os motivos polos cales os profesionais sanitarios deben coñecer as propiedades das augas mineiromedicinais dos balnearios de Ourense.

A programación das xornadas continúa mañá xoves, 22 de setembro, na que participarán ademais de profesores, profesionais como fisioterapeutas e farmacéuticos, para falar das posibilidades que ofrecen as augas mineiromedicinais.

También te podría gustar...