Xornadas Florenciófilas

EXPERTOS EN HISTORIA, LINGUA, LITERATURA E ARTES REÚNENSE EN VALDEORRAS NO PECHE DO ANO DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

  • Doce investigadores e personalidades da cultura galega e valdeorresa participan das Xornadas Florenciófilas que se celebran os días 18, 19 e 20 de novembro con encontros na Rúa, Petín, O Barco e Rubiá

 

O ano de Florencio e Valdeorras achégase ao seu remate e dende o proxecto As Letras de Florencio comezan esta despedida cunhas Xornadas Florenciófilas que reunirán na comarca a expertos en lingua e literatura galega, investigación histórica e artes. Trátase de catro mesas nas que participarán o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o catedrático e ex presidente da RAG Xesús Alonso Montero; os investigadores Ramón Pena, Aurora Marco, Telmo González, Camilo Valdehorras, Concepción Álvarez e Paco Cobo; e os creadores Domingo D. Docampo, Raquel Queizas e Ramiro Núñez. Cun formato pensado para o coloquio, o obxectivo destas xornadas é facer balance do lugar que ocupa agora a obra e vida de Florencio dentro da cultura galega.

Estas Xornadas Florenciófilas faranse en catro municipios da comarca: A Rúa, Petín, O Barco e Rubiá, para facer partícipe a toda a veciñanza de Valdeorras da pulsión divulgadora que percorreu o país nesta celebración das Letras 2022. Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, aproveitou o simposio co que a Academia pechou os seus actos para destacar o agarimo e entusiasmo co que se viviran en Valdeorras e tanto el como o resto de persoas convocadas ás Xornadas, devolven ese agarimo coa visita do próximo fin de semana. A asistencia a todos os actos é libre ata completar aforo e tras os coloquios ofrecerase un aperitivo cunha degustación de produtos gastronómicos de Valdeorras.

O programa arranca o venres ás 20 horas no Centro Cultural Avenida da Rúa, cunha Mesa Literaria na que estarán o propio Freixanes, Xesús Alonso Montero e mais Ramón Pena, autores os dous últimos de dúas antoloxías sobre Florencio publicadas este ano. O sábado comezará coa Mesa da Historia ás 12 horas no Teleclub de Petín, na que Aurora Marco falará da posguerra e a represión en Valdeorras e Telmo González e Camilo Valdehorras do exilio en México. Ese mesmo día, as sete da tarde, celebrarase un Mesa da Lingua na Casa do Río Cigüeño do Barco. Neste caso intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a lingüísta vianesa Concepción Álvarez, e o investigador barquense Francisco Cobo. As xornadas pecharanse o domingo cunha Mesa das Artes na que estarán creadores que teñen adaptado a Florencio a diferentes formatos e soportes como o tetaro, o audiovisual e a música. Son Domingo D. Docampo, Ramiro Núñez e Raquel Queizás. Para esta última sesión apostouse por rodear o encontro de natureza e farase no Centro de Interpretación do Parque Natural da Serra da Lastra, en Biobra, concello de Rubiá.

Estas Xornadas son posibles grazas á colaboración da Deputación de Ourense e de todos os concellos e institucións valdeorresas implicadas. Dende As letras de Florencio anímase a participación da veciñanza nestes encontros que son o primeiro dos broches que terá o ano das Letras en Valdeorras.

También te podría gustar...