Xornada sobre empoderamento e saúde da muller en San Xoán de Río
Este sábado 4 de xuño celebrarase no Concello de San Xoán de Río a “I Xornada da Saúde da Muller”. Durante todo o día terán lugar diferentes actividades abertas para todo o público pero centradas na figura da muller.
O Concello de San Xoán de Río vén de presentar un completo programa de actividades para encher unha xornada divulgativa e de lecer arredor da muller. Segundo palabras do Alcalde, Xosé Miguel Pérez, “este tipo de propostas que só chegan a grandes vilas ou cidades temos que conseguir que cheguen tamén ao rural. Porque se a muller xa está discriminada de por si, no rural ten unha segunda discriminación por vivir neste lugar”. Nesta liña de reivindicar a igualdade de posibilidades para o rural, sinala tamén que “para vivir en igualdade e superar todo tipo de discriminacións, incluso por lugar de residencia, esta xornada pretende empoderar a muller rural e darlle unhas oportunidades que normalmente non existen nesta zona”.
Pola súa banda, Susana Gómez, directora do CIM de Trives, comenta tamén que “o obxectivo destas sesións é promover o autocoidado, o empoderamento, o benestar e a autonomía das mulleres”.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Dende as 10:30 h. da mañá e ata as 20:00 h. da tarde do sábado 4 de xuño, o centro social de San Xoan de Río, situado na Praza da Igualdade, acollerá esta xornada que estará chea de diversas actividades dirixidas a todos os públicos, en particular ás mulleres de calquera idade.
O día comezará cunha actuación de danza, concretamente de ‘Danza Tribal Fusión’ utilizada para o empoderamento feminino e realizada por Darija Cz, bailarina e coreógrafa. A continuación, ás 11:00 h. está programado un obradoiro de «teatro para o empoderamento feminino»; unha actividade aberta ás persoas que queiran asistir, homes ou mulleres e sen que sexa precisa experiencia previa no mundo da interpretación e do teatro. Consistirá en aplicar técnicas teatrais que axudan a mellorar a autoestima persoal. O obradoiro será impartido por rapazas do grupo de teatro da asociación A Caniceira.
Ao rematar a actividade teatral pecharase a mañá cunha sesión-vermú a cargo do grupo de música tradicional “As Macizas Centrais”.
Pola tarde retomarase a xornada ás 16:30 h. cun obradoiro de iniciación á danza do ventre e a continuación –17:30 h.– a matrona Teresa, do Hospital Comarcal de Valdeorras impartirá un obradoiro de exercicios do chan pélvico.
No remate desta I Xornada da Saúde da Muller , ás 18:30 h., desenvolverase outra acción formativa centrada en achegar solucións naturais para o autocoidado feminino.