«Xornada de portas abertas» na Deputación de Ourense

  • O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, participou na primeira visita explicándolles aos visitantes a historia da institución e a súa organización.

0 MB e Portas Abertas 2015

 

A Deputación de Ourense celebrou onte a súa «Xornada de portas abertas», unha actividade que se realiza por terceiro ano consecutivo e que se iniciara en 2013 para conmemorar os 180 anos de existencia da división do territorio do Estado español nas actuais provincias. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, participou na primeira das visitas guiadas ao Pazo Provincial explicándolles ao visitantes a historia da institución e a súa organización, así como as peculiaridades e a evolución do edificio que alberga á Deputación de Ourense, a estrutura organizativa da Deputación e os servizos que presta a concellos e cidadáns. As visitas inclúen un percorrido polo despacho do presidente, a Sala de Xuntas e o Salón de Plenos.

A xornada de portas abertas, na que participaron máis de 600 persoas, prolongouse ao longo de todo o día, con visitas de mañá e tarde. Aos visitantes entregóuselles o libro O patrimonio provincial da ourensanía, escrito por Xosé Antonio Perozo, no que se fai un percorrido pola historia da Deputación de Ourense e da provincia.

Asemade, ao longo destes días pasados tivo lugar a celebración da «3ª Semana escolar da provincia e a súa Deputación», un evento que contou coa participación de máis de oito mil alumnos de 40 centros educativos da provincia de Ourense. Nesta edición, a temática centrouse na divulgación da riqueza cultural que a historia deixou na provincia de Ourense.

As actividades deste ano rematan o vindeiro luns coa celebración dun Pleno Xuvenil cuxa temática será «O noso patrimonio», no que participarán alumnos dos centros escolares de Verín.

Manuel Baltar afirmou que o obxectivo destas iniciativas é «afondar no coñecemento da nosa provincia dende unha perspectiva didáctica, tendo á transparencia e a divulgación como eixos da forma de entender o goberno da provincia moderna». Baltar agradeceu aos visitantes, aos centros educativos e ao profesorado «a súa implicación nesta aventura cultural para seguir impulsando o coñecemento da provincia na escola», e remarcou que a Deputación de Ourense é o único goberno provincial de España «que achega desta maneira á institución provincial á cidadanía, unha iniciativa contemplada no Plan Ourense 15-19, que defende unha visión integral de provincia tendo sempre como máxima a cooperación e asistencia aos concellos e aos cidadáns».

También te podría gustar...