XIV edición do evento Estase Cocendo
- A primeira Tenente de Alcalde de Monforte resalta a recuperación do Estase Cocendo, que alcanza a súa 14ª edición
- Gloria Prada participou na presentación dunha nova edición do evento Estase Cocendo, organizado pola delegación en Monforte da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo
- A homenaxe desta 14ª edición recaeu no colectivo sanitario, polo que a Tenente de Alcalde subliñou que “consideramos un acerto esta decisión de recoñecer simbolicamente a labor dun colectivo que foi importantísimo durante a pandemia da Covid-19”
- O Estase Cocendo dará comezo este sábado 26 e estenderase ata o domingo 27 de marzo, e nel, como en cada edición, os establecementos participantes, tando de Monforte como de outros concellos limítrofes, ofrecerán diferentes pratos cuxo protagonista é o cocido
A primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, participou no acto de presentación da 14ª edición do evento Estase Cocendo, certame organizado pola delegación en Monforte da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo. Estas xornadas gastronómicas arredor do cocido desenvolveranse en restaurantes e bares de Monforte e do resto da Ribeira Sacra dende este sábado 26 de febreiro e ata o 27 de marzo.
No acto de presentación do Estase Cocendo, ademais da 1ª Tenente de Alcalde, estiveron presentes o secretario da Asociación de Hostaleiros de Lugo, Jacobo García, o Deputado provincial da Área de Promoción Económica e social da Deputación de Lugo, Pablo Ribera, a Xefa de Turismo da delegación da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez, a directora do Hospital comarcal de Monforte, Inmaculata Ramos, en representación do colectivo de sanitarios, que foi homenaxeado nesta edición, así como diversos membros da Corporación municipal, autoridades, e sanitarios. O acto foi presentado pola xornalista Manola Porto.
Na súa intervención, Gloria Prada destacou e agradeceu á Asociación de Hostaleiros de Lugo a recuperación deste certame gastronómico, logo de que o 14 de marzo de 2020 se tivera que suspender a celebración deste certame por coincidir co inicio da pandemia da Covid-19.
A representante municipal recordou que “foi, e desgraciadamente segue sendo, unha crise que afectou especialmente ó comercio e á hostalería, sectores ós que apoiamos economicamente dende o Concello, con diversas liñas de axudas e tamén co reparto de material sanitario”.
Por iso, subliñou a 1ª Tenente de Alcalde, “a recuperación pasa por volver á normalidade, como ben di o noso Alcalde, e poder celebrar de novo a que vai ser a edición número 14 do Estase Cocendo, creo que é unha boa volta a esa normalidade que todos desexamos”.
Do mesmo xeito, Prada salientou que “o Concello de Monforte vai continuar colaborando con esta proposta xa que é un elemento máis que contribúe a dinamizar a actividade da nosa hostalería e que tamén axuda a aumentar o número de persoas que deciden achegarse a visitar a nosa comarca”.
Respecto da homenaxe que se rendeu nesta edición ó colectivo sanitario, Gloria Prada manifestou que “consideramos un acerto que a homenaxe desta edición recaía simbolicamente nun colectivo importantísimo durante esta pandemia, que é o colectivo do persoal sanitario (…) que durante a pandemia puxeron a súa profesionalidade ó servizo dos cidadáns, loitando en primeira liña contra a Covid-19, salvando vidas e arriscando as súas propias vidas”.
Para rematar a representante do Concello animou tanto ós veciños da cidade como a todos os turistas e visitantes que nestes días se achegan a Monforte e á Ribeira Sacra a participar neste evento e degustar as saborosas elaboracións que conforman este Estase Cocendo. E concluíu manifestando o seu “desexo de que ano tras ano esta cita gastronómica siga medrando e consolidándose, porque é un elemento máis que axuda a incrementar o noso potencial turístico”.
Programa de actividades gastro-turísticas
Máis de 70 establecementos hostaleiros de 9 concellos do sur da provincia de Lugo participarán nesta nova edición de Estase Cocendo ofrecendo tapas especiais, a un prezo de 1,50€ e durante as fins de semana, e menús de cocido.
O programa complétase con visitas guiadas gratuítas por Monforte de Lemos ou quedadas de motos, entre outras actividades de ocio. As casas rurais e hoteis da zona tamén ofrecerán descontos neste Mes do Cocido de Entroido na Ribeira Sacra.
Para animar á xente a participar nestas xornadas de degustación do cocido o programa complétase con diversas actividades de ocio, entre as que destacan as visitas guiadas e gratuítas por Monforte de Lemos todos os sábados do mes de marzo, ás 11:00, con saída dende os Escolapios, e degustación de viño de Ribeira Sacra.
O 12 de marzo haberá una quedada de motos para facer rutas pola Ribeira Sacra, saíndo ás 10:30 horas dende os Escolapios, e contará con guía e comida (cocido).
O 26 de marzo organizarase o Cocido de Meigas, un aquelarre de meigas con actuación de batucada a partir das 8 da tarde.
Para participar nestas actividades é necesario facer reserva previa nos teléfonos 982 412 050. No caso das visitas guiadas, tamén se poderá chamar ó 676 101 649, e para a quedada de motos, ó 639 209 908.
Na web www.eparacomerlugo.com pódese consultar toda a información relativa a estas xornadas.