Xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras: nova guía gastronómica dixital
- Esta guía informa no blog sobre as I Xornadas do Botelo e Cocido Valdeorrés, que se celebrarán entre o 5 e o 27 de febreiro en 17 restaurantes
A hostalería do xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras, xestionado polo Inorde, xa teñen o seu propio espazo na guía gastronómica e de restaurantes da provincia de Ourense (www.restaurantesourense.com). Esta incorporación da oferta do xeodestino a esta páxina gastronómica foi unha das actuacións que se ultimou no plan do acción do 2021 co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.
Trátase dunha ferramenta moi útil que proporciona información aos turistas do xeodestino, axudándolles a planificar a súa visita
, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández. Deste modo, os usuarios poderán ver a oferta gastronómica dos locais dos municipios do xeodestino, que quixeron adherirse a esta plataforma dixital destinada que naceu coa vocación de abordar toda a provincia de Ourense.
Nesta guía, que ofrece a posibilidade de descargar a súa propia aplicación, os potenciais consumidores poden atopar unha completa información detallada dos establecementos de restauración do xeodestino “Manzaneda, Trevinca, Valdeorras”, distribuídos por concellos. Desde a aplicación, o usuario pode coñecer a ubicación exacta do establecemento, chamar ao local directamente, coñecer o menú en tempo real do local, así como ter información precisa do establecemento (horarios, servizos, imaxes do local e dos pratos), e adicionalmente incluirase un vídeo de presentación de cada un.
Ademais, na mesma web tamén hai un blog que recolle a actualidade vencellada á enogastronomía da zona. Por exemplo, actualmente está a anunciar as I Xornadas do Botelo e Cocido Valdeorrés, que se celebrarán entre o 5 e o 27 de febreiro en 17 restaurantes.
Os municipios que integran este xeodestino son os seguintes: A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.
Restaurantes Ourense
Esta guía de establecementos de restauración da provincia, naceu no marco do proxecto “Restaurantes Ourense” a finais do 2019, seguida dunha aplicación para a reserva de mesa para grupos e, por último, dunha aplicación para comida a domicilio. Actualmente, esta web atópase nos primeiros postos de busca en Google en distintas palabras claves como “restaurantes Ourense”, “comida a domicilio Ourense”, “donde comer en Ourense”, etc.
Ademais, a aplicación para Android xa foi instalada en máis de 1.000 dispositivos móbiles e proximamente lanzarán a versión para IOS. A web, pola súa parte, logra nos meses de máis tráfico máis de 10.000 visitas mensuais. Actualmente, están inmersos no lanzamento da súa propia central de reservas de mesa a nivel provincial para os turistas, asesorándoos na busca do mellor restaurante que se adapte ás súas necesidades e gustos culinarios, así como para recomendarlles os pratos típicos de cada zona.