WOMEX regresará a Galicia no 2016

WOMEX, o meirande mercado das músicas do mundo, regresará a Galicia no 2016.

  • A Cidade da Cultura acolleu onte a presentación dun primeiro avance da programación, durante a que o conselleiro de Cultura e Educación valorou como un “gran éxito” a consecución desta segunda edición galega do evento, polo que as distintas administracións e empresas organizadoras traballarán dun xeito intenso e colaborativo
  • A Cidade vella de Santiago de Compostela e a Cidade da Cultura de Galicia serán os privilexiados espazos onde se desenvolva Womex 16
  • No acto informativo participaron o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e Francisco Viéitez, de Nordesía Producións

A Cidade da Cultura acolleu onte a presentación dun avance da programación do vindeiro Womex 16 durante a que o Conselleiro de Cultura, Educación e Orde valorou que se trata dun “gran éxito” que Compostela sexa de novo a cidade elixida para acoller o maior evento internacional da música de raíz. Un feito polo que as distintas administracións e empresas organizadoras traballarán intensa e colaborativamente, pois “é algo importante para Santiago de Compostela, para Galicia, para a nosa promoción e difusión cultural e para a industria musical do país”, en palabras de Román Rodríguez.

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e Francisco Viéitez, de Nordesía Producións participaron onte na presentación do avance da programación do vindeiro Womex 16. Foto: Xoán Crespo

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e Francisco Viéitez, de Nordesía Producións participaron onte na presentación do avance da programación do vindeiro Womex 16. Foto: Xoán Crespo

s99kxb0Así mesmo, o conselleiro subliñou a percepción extraordinariamente positiva dos organizadores e participantes na edición de 2014, a constatación da rendibilidade do evento para a economía local, a súa importancia para o desenvolvemento dunha parte esencial da industria musical galega, e a calidade da oferta cultural que esta feira puxo o pasado ano, e porá no 2016, ao dispor do conxunto das galegas e galegos.

No acto participaron tamén o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e Francisco Viéitez, de Nordesía Producións, socia local da empresa organizadora –a compañía berlinesa Piranha Musik– para a promoción do evento en Galicia.

DayWOMEX e NightWOMEX
A Cidade vella de Santiago de Compostela (Patrimonio da Humanidade desde 1985) e a Cidade da Cultura de Galicia serán de novo, tal como xa acontecerá na edición de 2014, os privilexiados espazos onde se desenvolva a vixésimo segunda edición de Womex, a considerada maior feira mundial da música tradicional e de raíz, que terá lugar do 19 ao 23 de outubro do vindeiro ano.

Womex 16 estruturará a súa programación en dúas partes. Por un lado, DayWOMEX, que abarca a feira profesional e outras actividades complementarias celebraranse no Museo Centro Gaiás e no CINC da Cidade da Cultura. Ao seu abeiro ofreceranse conferencias, haberá sesións de ‘networking’, ‘mentoring’ ou proxeccións de cinema, entre outras actividades, que terán lugar no cumio do Monte Gaiás.

Por outro, NightWOMEX, que incluirá máis de 60 ‘showcases’ (concertos en pequeno formato) celebraranse en distintos espazos da Cidade Vella: na Praza da Quintana, no Auditorio de Galicia, no Auditorio Abanca, no Teatro Principal, no Salón Teatro e na Sala Capitol.

A industria musical galega en Womex 2015
Ademais da importancia da volta á capital galega da feira, o conselleiro quixo salientar a presenza da música e as industrias musicais galegas no Womex Budapest 2015, que se celebra entre o 21 ao 25 de outubro. Para isto contarase cun pavillón promocional específico desde o que operarán seis compañías: Budiño/Lospregos, Jau, Mada Producións, Mare, Musicarte, Nordesía e Sons Galiza. Neste espazo compartirán protagonismo as transaccións realizadas baixo a marca promocional exterior común GalicianTunes, coa divulgación de Galicia, de Santiago de Compostela e da Cidade da Cultura como destinos do Womex 2016.

Cinco das empresas que participarán en Womex 2015 (Budiño, Jau®, Mare, Musicarte e Sons Galiza) desprázanse ademais á capital de Hungría co apoio da Consellería de Cultura a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); ao seren beneficiarias dunha liña especial de subvencións convocada no pasado mes de xuño para favorecer a presenza galega neste evento de relevancia internacional.

Esta acción permite continuar o labor dos anos anteriores, nos que Galicia participou activamente nas edicións precedentes de Womex e, sobre todo, posibilita a secuencia de contacto para o negocio e a relación comercial dun xeito intensificado durante o trienio 2014-2016.

Así mesmo, en Budapest levaranse a cabo tamén unha presentación do avance da programación do Womex 2016 en Santiago de Compostela e un acto protocolario de transmisión de testemuño entre Hungría e Galicia.

Renovación de GalicianTunes
A presenza da música galega no pavillón promocional en Hungría terá o seu apoio dixital na web de referencia www.galiciantunes.com. Esta plataforma web, que estará moi presente en Budapest, contén neste momento datos de 293 artistas e grupos, 807 vídeos musicais, 18 festivais galegos de música, 48 empresas do sector e 723 traballos discográficos (con información adicional sobre onde mercalos ou escoitalos).

Para esta nova misión comercial, www.galiciantunes.com estrea ademais unha redeseñada páxina de inicio, optimizada en seccións modulares para o seu acceso desde calquera tipo de dispositivo móbil, e que prima a información de actualidade relativa ao sector, así como os últimos lanzamentos discográficos.

A maior e máis práctica novidade da nova plataforma é, porén, a inclusión de listas musicais de reprodución que se van renovando tematicamente cada semana, e que nacen como unha nova forma de explorar e convidar a coñecer toda a música que se fai actualmente en Galicia. Trátase de listas de temas creadas nos perfís abertos en Spotify e Youtube, que xiran arredor de compilacións sobre os grandes grupos de estilos: jazz, pop, world music, etc.

También te podría gustar...