Unha andaina para ‘facerlle sitio’ aos chourizos de Vilanova de Trives

O sábado 5 de febreiro o Club Montaña Trives recupera a ‘Andaina do chourizo’, actividade que o pasado 2021 non se puido realizar por mor da pandemia.

Falamos con Luis Araujo, un dos organizadores e secretario da asociación deportiva.

O Club Montaña de Trives é un colectivo que nace no 1993 co obxectivo de achegarlle á xente a actividades e deportes relacionadas coa montaña como roteiros, andainas, sky, snowboard, piragüismo, barranquismo… A última que organizaron foi a Carreira Popular San Silvestre, o pasado 1 de xaneiro, e para este sábado, 5 de febreiro, está xa en fase de inscrición a VII Andaina do Chourizo.

 

‘ANDAINA DO CHOURIZO’

Trátase dunha camiñada organizada co obxectivo de ofrecer unha actividade que se integra na ‘Festa do chourizo’ de Vilanova de Trives, núcleo rural que está aproximadamente a un quilómetro da Pobra de Trives.

 

A actividade, segundo nos conta Luis Araujo, secretario do Club Montaña Trives, ademais do fomento do deporte ten como obxectivo dar a coñecer aldeas da contorna de Trives e poñer en valor produtos típicos da zona como son os seus embutidos, a bica, o viño ou os licores.

O comezo da andaina deste sábado, 5 de febreiro, será na Praza do Pilón, no centro do núcleo urbano da Pobra de Trives, lugar onde se recibirá á xente inscrita para facilitarlles o dorsal correspondente entre as 9:30 e as 10:00 h. –hora prevista para a sáida–.

 

O percorrido, de 8,6 quilómetros, transcorrerá principalmente por sendeiros naturais e, en casos puntuais, haberá asfalto para conectar cos camiños por onde vai a camiñada. No itinerario, case circular, ademais da Pobra de Trives, pasarase polas aldeas de Santa Maria de Trives, Sas de Penelas, A Pena Folenche, San Mamede e Vilanova de Trives, esta última xa como meta.

Araujo cóntanos que o percorrido está previsto para facelo nunhas 2 horas, que a dificultade é baixa e que está indicado para facer en familia. Así mesmo lembra que ao chegar haberá uns packs para os participantes cun bocata de chourizo, refresco e bica.

As inscricións, que se poden facer ata o venres ás 18:00 h., hai que realizalas a través do correo electrónico club.montaña.trives@gmail.com e o prezo é de 5 € para soci@s e de 8 para os non soci@s. Os cartos aboaranse á hora de coller o dorsal asignado.

 

También te podría gustar...