«Voume encargar persoalmente de afianzar estas relacións entre Ourense e os Estados Unidos», Loretta Sánchez, congresista norteamericana
- Baltar e Loretta Sánchez destacan que a misión USA-Ourense «abre portas comerciais» aos produtos ourensáns en Estados Unidos
- A congresista norteamericana, o cargo institucional que encabezou a delegación USA, pertence a California, o estado de maior riqueza e poboación de Estados Unidos.
- Na súa intervención no acto de clausura, Loretta Sánchez destacou a «visión» do presidente Baltar «para facer posible que un acontecemento empresarial desta importancia puidera ter lugar nesta fermosa e histórica terra de Ourense».
- A congresista afirmou: «Desde as miñas responsabilidades políticas voume encargar persoalmente de afianzar estas relacións entre Ourense e os Estados Unidos, porque, como dixo o presidente Baltar: isto é só o principio»
- Manuel Baltar expresou que «cooperar e complementarse» son as palabras que máis utilizaron os empresarios ourensáns e norteamericanos nas reunións que mantiveron, pois o grande valor da nosa oferta comercial está na singularidade e na calidade dos nosos produtos»
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a congresista norteamericana Loretta Sánchez clausuraron hoxe no mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil a primeira misión comercia USA-Ourense, que se desenvolveu durante dous días na provincia de Ourense, certificada polo Goberno dos Estados Unidos. Baltar e Sánchez coincidiron en destacar nos seus discursos que esta misión comercial «abre importantes portas comerciais» aos produtos ourensáns en Estados Unidos, o maior mercado do mundo, que no caso de California, o territorio da congresista, supón o estado de maior riqueza e poboación do país norteamericano.
Manuel Baltar afirmou que «cooperar e complementarse» «son as palabras que os empresarios ourensáns e norteamericanos máis utilizaron nas reunións «one to one» que mantiveron estes días, pois o grande valor da nosa oferta comercial está na singularidade e na calidade dos nosos produtos, algo moi prezado polo consumidor norteamericano».
Baltar dixo que se xa é un fito histórico «que vinte empresas USA, que concentran entre todas un volume de negocio que supera os seis mil millóns de dólares e que dan emprego a máis de 45.000 persoas, tamén o é a circunstancia de que por primeira vez a provincia de Ourense acolla a visita dunha congresista pertencente a California, o estado máis rico e poboado dos Estados Unidos, cun PIB como o de Brasil e unha poboación de 39 millóns de persoas».
O presidente do goberno provincial remarcou con datos económicos a relevancia da visita da congresista Sánchez, quen podería converterse na primeira senadora latina da historia no Capitolio de Washington nas vindeiras eleccións presidenciais. Manuel Baltar dixo que se California fose un país sería a oitava economía do mundo, cun Produto Interior Bruto (PIB) de 1,5 billóns de dólares, o que representa o 13 % do PIB dos Estados Unidos, e que ten na agricultura, o turismo e a enerxías os seus principais sectores de actividade».
«Por elo –subliñou Baltar- a presenza da congresista Sánchez, hoxe en Ourense, realza e prestixia aínda máis esta misión comercial, que ven de establecer importantes alianzas entre empresas de ámbolos dous territorios, e que para a provincia de Ourense supón un salto de nivel moi destacado nas relacións internacionais das nosas empresas, e tamén nos vínculos institucionais, polo que representa de achegamento ao goberno e aos estamentos sociais e empresariais da economía máis poderosa do mundo».
O presidente provincial quixo destacar diante da congresista a contorna na que se desenvolve o acto de clausura da misión, a Ribeira Sacra, «un territorio para o que estamos a impulsar o recoñecemento como Patrimonio Mundial da Humanidade, e aquí, neste mosteiro, onde nos contemplan dez séculos de historia, na provincia termal máis importante de Europa e na que estamos a desenvolver o proxecto de «Provincia Intelixente», coa innovación na xestión de servizos aos cidadáns como protagonista. Tradición e modernidade xuntas nun territorio, traballador, creativo e emigrante, que caracteriza á provincia de Ourense».
Loretta Sánchez agradeceu na súa intervención ao presidente da Deputación «a oportunidade de estar presente en Ourense «acompañando a empresarios do meu país nun evento como unha misión comercial na que creo e me reafirmo, porque o networking e ás relacións humanas vinculadas á economía e á empresa son un piar fundamental para a innovación e o progreso». A congresista destacou a «visión» do presidente Manuel Baltar «para facer posible que un acontecemento empresarial desta importancia puidera ter lugar nesta fermosa e histórica terra de Ourense», e remarcou: «Desde as miñas responsabilidades políticas voume encargar persoalmente de afianzar estas relacións entre Ourense e os Estados Unidos, porque, como dixo o presidente Baltar: isto é só o principio»
Tamén destacou a congresista «o potencial de negocio que unha oferta tan singular como a que esta provincia ten en sectores como agroalimentario, o turístico ou o termal, coa importancia que a auga ten no mundo, o que fai que esta misión non poida ter outra palabra que a identifique mellor que a de «éxito».
«Desde California exportamos tecnoloxía a todo o mundo; é un dos berces tecnolóxicos», afirmou Loretta Sánchez, polo cal dixo «valorar especialmente» que a provincia de Ourense «desenvolva unha misión empresarial tendo á tecnoloxía e a innovación como un dos sectores que centrou moitos dos contactos entre empresarios do meu país e ourensáns».
Pola súa banda, Juan Verde, presidente da Fundación Advanced Leadership, subliñou que esta misión «só é comezo, porque estamos convencidos de que este evento marca un antes e un despois das relacións desta provincia con Estados Unidos», e engadiu que as empresas ourensás poderán a partires de agora «crear espazo e oportunidades para que empresarios de Estados Unidos poidan coñecer os seus homólogos de Ourense». «Sendo capaces de xuntar a xente boa, só poden acontecer cousas boas», rematou.
O acto de clausura da misión comercial USA-Ourense finalizou coa interpretación dos himnos de Estados Unidos e Ourense por parte de la Real Banda de Gaitas de la Deputación de Ourense, dirixida por Xosé Lois Foxo.