VIII Encontro Nacional de Peregrinos de Brasil
- Turismo de Galicia promove o Camiño de Santiago no VIII Encontro Nacional de Peregrinos de Brasil
- Un dos principais asuntos abordados no encontro, celebrado na cidade de Caxias do Sul, foi a evolución da seguridade do Camiño
- Neste senso, destacouse a implicación de todas as administracións públicas a través da constitución da Comisión de Seguridade Viaria do Camiño
- Así mesmo, resaltáronse algunha das principais iniciativas abordadas xa por esta Comisión como as melloras na sinalización horizontal e vertical e a construción de varios pasos subterráneos para evitar zonas con cruzamentos perigosos
Turismo de Galicia participou no VIII Encontro Nacional de Peregrinos de Brasil, celebrado na cidade de Caxias do Sul, no que un dos principais temas abordados foi o pasado e o presente da seguridade do Camiño.
Na xuntanza participaron ao redor de 250 representantes de asociacións xacobeas de todo o país, no que actualmente funcionan unhas 28 entidades xacobeas con varios milleiros de asociados.
Na intervención abordouse a evolución da seguridade no Camiño ao longo do tempo. Neste senso, o representante do Xacobeo explicou como a Xunta de Galicia buscou a colaboración de todas as administracións públicas implicadas no asunto e en xullo de 2015 constituíuse a Comisión de Seguridade Viaria do Camiño na que están presentes representantes departamentos estatais, autonómicos e locais con competencias na materia.
Durante o encontro destacouse como, froito do traballo desta Comisión, xa se efectuaron melloras na sinalización horizontal e vertical nalgúns treitos do Camiño e o Ministerio de Fomento anunciou a construción de varios pasos subterráneos para evitar zonas con cruces perigosos.
Visitas institucionais, cursos e conferencias
No marco desta viaxe tamén se realizaron visitas institucionais a varios lugares de relevancia xacobea como o conxunto de Santiago de Matto Perso e unha ruta inspirada no Camiño que se está creando en Brasil.
Ademais, impartíronse varios cursos e conferencias en tres Institutos Cervantes de Brasil: Porto Alegre, Brasilia e Sao Paulo. Nesta ocasión, o tema desenvolto foi os ritos do Camiño de Santiago, un asunto de especial interese para os asistentes.