VIII edición da “Festa da Palabra”

  • A VIII edición da “Festa da Palabra” lembra ás irmás Pura e Dora Vázquez

VIII Festa da Palabra 2016

 

Este ano, na VIII edición da “Festa da Palabra”, lembrarase ás irmás Pura e Dora Vázquez. A cita será o vindeiro sábado 16 de xullo ás 19:00 horas na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño. Estrada Carballiño-Lalín OU-902, km 4,5), onde tamén se entregarán os Premios “Insua dos Poetas” 2016. Ao remate do acto, haberá unha degustación de produtos ourensáns. Como sempre, a entrada é libre.

Desde o ano 2009, a Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a “Festa da Palabra”, una cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán. A primeira edición (2009) estivo dedicada ao intelectual e galeguista (homenaxeado nesa ano das Letras Galegas) Ramón Piñeiro. A segunda edición (2010) estivo dedicada ao escultor ourensán Arturo Baltar. En 2011, terceira edición, estivo dedicada a Xosé María Díaz Castro, coincidindo cos 50 anos da publicación de “Nimbos”. A cuarta edición (2012) estivo dedicada a Celso Emilio Ferreiro. En 2013, a quinta edición da Festa da Palabra tivo como protagonistas aos poetas do Rexurdimento, coincidindo co 150 aniversario da publicación de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro. A sexta edición (2014) estivo adicada a Eduardo Blanco-Amor e o ano pasado, a sétima Festa da Palabra lembrou a Francisco Luis Bernárdez.

Esta cita anual non sería posible sen o apoio e patrocinio da Deputación de Ourense, da Consellería de Cultura, Educación e Ord. Univ., do Concello do Carballiño e da Consellería do Medio Rural.

A Fundación Insua dos Poetas ven desenvolvendo actividades vencelladas ao mundo da cultura (literatura, arte ou audiovisual), á educación e ao medio ambiente, desde 2008, cando Luís González Tosar, o seu presidente, decidiu converter una finca de 6 hectáreas herdada do seu pai, nun lugar onde exaltar e promover o diálogo entre cultura e natureza e convertir ese espazo nun lugar de uso público. Os apoios para esta iniciativa non se fixeron esperar e pronto, nomes de referencia nas letras ou na arte, sumáronse á idea de Tosar. Entre outros, Manuel Rivas, Arcadio López-Casanova, Víctor F. Freixanes, Xosé Luis Méndez Ferrín, Salvador García Bodaño, Xohana Torres, Antonio Gamoneda, Antón Lamazares, Acisclo Manzano, Nicolás González Aller, Alexandro, Manuel Penín, Xosé Cid, Vidal Souto, Nélida Piñon, Claudia Piñeiro, Antonio Requeni…

O Padroado da Fundación está composto por Luís González Tosar (Presidente), Domingo Manuel Calvelo Iglesias (Vicepresidente), Xabier Castro Martínez (Secretario) e os vogais: Celso Sáchez González, Antonio Piñeiro Feijoo, Victor Campio Pereira, Antón Pulido Novoa, Acisclo Manzano Freire e Xosé Ricardo Rodríguez Pérez.

Salientar actividades anuais como o Día Mundial da Poesía, a Auga e a Árbore, xornada adicada a escolares na que exponen os seus propios traballos relacionados con esas tres efemérides, a proxección de cine (o ano pasado proxectouse A Esmorga) ou a publicación de cartafoles didácticos, entre outras. Todas as actividades sempre relacionadas coa cultura e a natureza.

IV Festa da Palabra

También te podría gustar...