Victoria Prego: ‘Ourense é Europa e o mundo, porque a Ourensanía une’
O Teatro Principal de Ourense acolleu hoxe o acto institucional da entrega do Premio Ourensanía 2014, que foi concedido á xornalista Victoria Prego por unanimidade do xurado, que destacou «as imprescindibles achegas que fixo a comunicadora nos ámbitos da comunicación e da política para entender a historia de España dende a Transición ata os nosos días». Ademais, o xurado considera a Victoria Prego -sempre comprometida, de seu e polas súas raíces, con Ourense-, «unha voz indiscutible que creou escola xornalística, opinión e sentido crítico, achegando criterio e prestixio na súa escrita, referendada polas máximas autoridades institucionais, historiadores e investigadores da España do último medio século». Neste senso, este ano 2014 cobra especial relevancia a figura de Victoria Prego por canto foi o ano do falecemento de Adolfo Suárez e o da sucesión da Coroa de España.
O premio «Ourensanía», que concede a Deputación de Ourense, é un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. A entrega do galardón –que se consolida xa na súa cuarta edición- tivo lugar hoxe, 11 de novembro, Día de San Martiño, e contou cunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos social, cultural, económico e institucional, encabezados polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañados, ademais da premiada, polo Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o escritor e poeta Luís González Tosar, creador do manifesto de «Afirmación da Ourensanía», e os membros do xurado. Precisamente, González Tosar dixo de Victoria Prego que foi, na etapa da Transición, «unha voz de libertade, necesaria e imprescindible, que narrou con acento ourensán un período fundamental da nosa historia».
Previamente, a premiada e as autoridades fixeron un percorrido polas rúas do casco vello da capital ourensá, dende a Deputación de Ourense ata o Teatro Principal, acompañadas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Xa no Teatro, no decurso do acto, conducido polo xornalista Juan Maceiras, os presidentes da Xunta e da Deputación de Ourense fíxéronlle entrega a Victoria Prego do diploma acreditativo do premio e dunha figura de bronce do escultor Xosé Cid. Antes da lectura da acta do xurado, a cargo da voceira do mesmo, Eva Torres, e dos discursos da premiada e das autoridades, a cantora María do Ceo estreou o fado denominado «Ourensanía», nun acto que alcanzou a súa máxima solemnidade ao seu remate coa primeira interpretación oficial do Himno de Ourense –dende que o pasado 31 de outubro a obra de Manuel de Dios, «Ourense no Solpor» fora aprobada pola Corporación Provincial como Himno Oficial da Provincia de Ourense-, a cargo da coral Vellos Amigos, peza musical que tivo que ser repetida novamente a petición do público asistente.
Nun sentido discurso, Victoria Prego agradeceu o premio destacando que Ourense «forma partes das miñas máis fondas raíces de identidade» e ofreceu o galardón «á memoria do meu pai e do meu tío, que nunca renunciaron á súa Ourensanía nin a súa Galeguidade, como forma de ser, como recoñecemento de identidade para estar no mundo erguendo o estandarte de galegos alí onde fosen».
Victoria Prego expresou especialmente a súa gratitude polo Premio Ourensanía «porque non é excluínte, senón que une, algo hoxe en día moi valorado, pois nestes momentos enfrontámonos ao movemento de separación máis importante, que se utiliza para rexeitar a quen non é igual», e dixo que Galicia, cunha historia e cultura milenarias, «da exemplo do que significa defender o propio mantendo a universalidade, por iso Ourense é Europa e o mundo, porque a Ourensanía une, lonxe do provincianismo rancio. Esta é a Galicia á que me honro en pertencer, un mundo global, sen perder a miña identidade», rematou a xornalista.
Pola súa banda, Manuel Baltar dixo no seu discurso que a Ourensanía «non ten fronteiras, non entendemos Ourense con limitacións. O noso concepto de provincia sobresae do xeográfico e relaciónase directamente co terreo dos sentimentos», e subliñou que a Ourensanía «lévase dentro, vai de serie incorporada en calquera persoa que ame un concepto que non exclúe, participativo, enormemente creativo, traballador e coa pegada universal que nos outorga a nosa condición de pobo emigrante».
Baltar destacou na súa intervención aos ourensáns que foron quen, «co seu traballo e as súas ideas», «de constituírense en auténticos referentes con pegadas inesquecibles, dende o principio dos tempos ata este século XXI», citando a Xeración Nós, e nomes como Barreiros, Franqueira, Outeiriño ou Domínguez, entre outros, para, de seguido, falar «dos ourensáns que fan, por exemplo, o AVE na Meca, que fabrican autobuses de última xeración que circulan por Picadilly Circus ou mesmo que son propietarios de liñas aéreas».
Prego de Oliver, Parada Justel, Basilio Álvarez, Marcos Valcárcel, Los Suaves, Caneiro, Acisco, Xosé Piñeiro, A Coral de Ruada, Vázquez Gulías, a Real Banda de Gaitas ou Valente foron tamén referencia nas palabras do presidente provincial, Manuel Baltar, para citar a persoeiros e colectivos que levan a Ourensanía alí onde van co seu traballo. «Un Ourense de 92 realidades, seus 92 concellos, todos iguais de importantes e cunha rica historia e personalidades senlleiras».