Viana programa ó Nadal cun Desfile Solidario, cine, ludoteca, un festival de panxoliñas, maxia, inchables e a visita do Apalpador
- Tamén haberá un obradoiro de magdalenas e bolachas para os máis pequenos
O Concello de Viana presentou a programación de actividades para o vindeiro Nadal. Escomenza o sábado, 17 de decembro, co II Desfile Solidario, que será a partires das 20,00 horas na Casa da Cultura. Este ano haberá máis diseñadores, tendas e actuacións infantís, entre outros actos.
Tamén abrirá a ludoteca de nadal para os/as nenos/as de catro a 12 anos (dende o 26 de decembro ó 5 de xaneiro), na que realizarán manualidades de Nadal ou doutras temáticas e xogos educativos (sobre igualdade de xénero, reciclaxe, diversidade cultural, etc.). A Ludoteca é organizada polo CIM de Viana como unha das medidas incluídas dentro do Programa Municipal de Medidas de Conciliación que ten en vigor o Concello de Viana do Bolo dende o ano 2014.
O día 22 de decembro, a partires das 16,30 horas, desenvolverase un “Obradoiro de Magdalenas e bolachas de Nadal con Foundant”, para cativos de 6 a 14 anos. Hai 30 prazas e precísase inscribirse no CIM do Concello.
O 23 de decembro, a partires das 16,30 será a Festa de Nadal, que iníciase cunha representación e contacontos por parte do Apalpador e Papá Noel que terá lugar na Casa da Cultura. Posteriormente celebrarase unha gran festa no Pavillón Polideportivo Municipal onde haberá animación musical, xogos, pintacaras, recollida de cartas para Papá Noel e o Apalpador, globoflexia,… e moitas sorpresas máis. A festa está dirixida a nenos e nenas de tódalas idades e os seus pais e nais.
Tamén o día 23, como ven sendo tradición dende hai algúns anos, a Asociación Cultural Orfeón Vianés organiza un Festival de Panxoliñas de Nadal na Igrexa Parroquial de Viana do Bolo. Ao acto veñen invitadas corais de outros pobos e comarcas galegas.
O Cine-Clube A Lanterna, fundado este ano 2016 en Viana do Bolo, organiza unha xornada de cine familiar para o goce de pequenos/as e maiores ca proxección de “Fantástico Mr.Fox”. A actividade terá lugar na Casa da Cultura de Viana do Bolo na tarde do 28 de decembro.
O xoves 29 de decembro, o Centro Sociocomunitario de Viana do Bolo organiza un espectáculo teatral a cargo do Mago Teto. Un espectáculo para todos os públicos que se realizará en horario de tarde.
Coma ven sendo costume dende hai algúns anos, na programación de Nadal de Viana do Bolo non poden faltar os inchables. O Pavillón Polideportivo é o lugar no que se ubican de 3 a 4 grandes inchables adaptados ás diferentes idades durante as tardes do 4 e 5 de xaneiro.
Na tarde do 5 de xaneiro celébrase a tradicional Cabalgata de Reis que percorre as rúas de Viana nuns coches de época moi característicos. Durante a primeira hora da tarde os Reis Magos acompañados dos/as paxes visitan as Residencias de maiores de Viana do Bolo, repartindo caramelos entre os/as residentes e cantando algún que outro “villancico”.
Posteriormente, ten lugar o reparto de regalos entre os/as máis pequenos/as e a chocolatada con biscoitos para o público en xeral. Este ano se o tempo o permite a Cabalgata terá lugar na Praza Maior de Viana do Bolo (se non trasladarase como se fixo nos últimos anos ao Pavillón Polideportivo). A animación e a chocolatada adoita rematar sobre as 20,00 horas.