Viana do Bolo: mellora de infraestruturas viarias e instalacións deportivas

  • A Deputación contribúe á mellora de infraestruturas viarias e instalacións deportivas en Viana do Bolo
  • Nunha reunión celebrada no Pazo Provincial, Manuel Baltar transmitiu ao alcalde, Andrés Montesinos, o “inequívoco compromiso do goberno provincial” co arranxo da estrada que comunica Vilariño de Conso e Trives (OU-0701), ao seu paso polo concello vianés
  • O rexedor, que solicita a participación da Deputación na dotación de herba artificial para o campo de fútbol, agradece a receptividade do presidente e “a fluída atención coa que sempre son escoitadas as nosas necesidades”

Reunion Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Andrés Montesinos Rodríguez (Alcalde do concello de Viana do Bolo).

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo no Pazo Provincial unha reunión de traballo co alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, xuntanza enmarcada nos contactos que o titular do goberno provincial mantén cos alcaldes ourensáns para escoitar as súas necesidades e formular posibles liñas de cooperación

No transcurso deste encontro, Manuel Baltar trasladou ao rexedor vianés a información dos técnicos da administración provincial referida ás actuacións que está a realizar a Deputación para o arranxo da estrada que comunica Vilariño de Conso e Trives (OU-0701), ao seu paso por Viana. O goberno provincial ten “un inequívoco compromiso co mantemento da rede provincial de estradas, e este treito non vai ser ningunha excepción”, afirma Manuel Baltar antes de sinalar que se está traballando nas opcións máis axeitadas para acondicionar a calzada.     

 

Andrés Montesinos, pola súa banda, solicitou a colaboración da Deputación para dotar de herba artificial ao campo de fútbol de Viana. Un proxecto deseñado en base a un convenio de colaboración a tres bandas –Xunta de Galicia, Deputación e Concello- e que se poderá acometer unha vez finalice a presente tempada. Manuel Baltar comprometeu a participación do goberno provincial nesta mellora, “seguindo así a liña de colaboración que, en cuestións como esta, mantemos con outros concellos da provincia”. 

O alcalde de Viana do Bolo agradeceu a receptividade do presidente da Deputación a esta proposta, subliñando

a fluída atención coa que sempre son escoitadas as nosas necesidades. 

También te podría gustar...