VI Xornada Castañeira da Asociación Sociocultural Boca do Monte

Mañá 5 de novembro a Asociación Sociocultural Boca do Monte organiza a VI Xornada Castañeira, unha actividade que ten como obxectivo lembrar a importancia que tivo a castaña nesta zona e ao mesmo tempo crear un espazo para a socialización e posta en valor do rural.

 

As actividades que terán lugar mañá sábado nos Anguieiros, parroquia de Montefurado e Concello de Quiroga, son as seguintes:

Ás 10:00 h. faran unha interesante ruta de sendeirismo con saída e chegada na aldea dos Anguieiros.

A andaina comeza cunha altitude duns 350 metros e descorre no seu comezo polo camiño de Vilanuide ata chegarmos a “o arroio” e dende alí empezar a subir en dirección ao alto de Cabrita. Pero xusto antes de bifurcarse o camiño para alto da Cabrita e Vilanuide tomamos un sendeiro á dereita que sube pola devasa nun ascenso de bastante pendente de máis dun quilómetro que nos leva ata a cima do monte que está por enriba de Vilanuide e dende onde se ve moi ben todo o val de Montefurado que outrora fora un complexo mineiro romano de onde se extraía moito ouro.

 

Xa por pistas, dirixímonos cara Sesmil nun tramo de subidas e baixadas que nos levará a esta aldea de controvertido topónimo xa que aínda hoxe hai discusións de se foi chamado así pola presenza na zona dunha lexión de romanos.

Por último retornamos a Os Anguieiros en baixada e con vistas de paxaro de todo o val.

Ás 17:00 h. faran unha visita divulgativa a algunha caniceira, coñecendo formas tradicionais de pisado da castaña, e un obradoiro de elaboración de cabazas de Samaín en familia..

 

Xa pola noitiña, ás 20:00 h. está programado o Magosto popular con merenda, castañas asadas e licores. Acompañaranos o grupo de música tradicional ABERTAL da Rúa.

 

A organización desta actividade cultural e dinamizadora do rural conta cunha achega da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

 

  • Cartel: obra de Noelia Rodríguez de Montefurado.
  • Fotos: De edicións anteriores. Cabazas, foliada, asado castañas, ensinando o bandoxo para sacar a casca ás castañas secas…

 

También te podría gustar...