«VI Congreso Galego de Xestión Deportiva» no balneario de Laias e no Centro Cultural «Marcos Valcárcel»
- Deporte e Termalismo centran o «VI Congreso Galego de Xestión Deportiva»
- O evento celebrarase os días 11 e 12 marzo no balneario de Laias e no Centro Cultural «Marcos Valcárcel»
O «VI Congreso Galego de Xestión Deportiva» 2016, organizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Galega de Xestores Deportivos (Agaxede), tratará un tema innovador e actual como é poñer en relación e valor «Deporte e Termalismo». O acto de presentación do evento tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial onde estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente de Agaxede, Eduardo Blanco; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o representante de Caldaria, Alberto Canal.
Rosendo Fernández destacou durante a presentación que referirse a «deporte e termalismo» «é falar dun binomio fulcral para a provincia de Ourense», e engadiu: «Colaboramos con Agaxede na organización deste congreso con tres obxectivos básicos: consolidar o termalismo deportivo como un foco de creación de emprego en Ourense e en Galicia; debater sobre as novas expectativas e ámbitos de actuación do termalismo implicado no sistema deportivo, e para dar a coñecer a importancia social, económica e a implicación do termalismo no deporte, facendo un especial fincapé no espectacular abano de posibilidades que ofrece esta interesante simbiose».
O presidente de Agaxede asegurou que hoxe en día «a persoa que vai a un centro de termalismo, ademais de pasar duns días de ocio e de darse tratamentos, ten interiorizado ese hábito de práctica deportiva e vai a solicitar algunha outra actividade complementaria que están relacionadas coa ubicación do centro».
O congreso desenvolverase o día 11 de marzo en xornada de tarde no balneario de Laias, e o día 12 de marzo en xornada de mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», convertendo a Ourense na capital do «termalismo deportivo». No desenvolvemento do congreso, tamén colaboran o Concello de Ourense e a Asociación Galega de Balnearios, entre outras entidades e institucións. Asemade no marco do congreso o venres, 11 de marzo, celebrarase a «Asemblea Xeral da Asociación Galega de Deporte para Todos».
Eduardo Blanco recordou que non se trata do primeiro congreso que a asociación realiza en Ourense pero «entendíamos que se iamos a facer fronte a esta temática non podíamos facelo noutro lugar de Galicia que non fose Ourense, a pesar de que nos faltan outras cidades que visitar porque o congreso se realiza cada dous anos sen lugar a dúbida, se falamos de termalismo e deporte, Ourense é o lugar propio».
Pola súa banda, Alberto Canal sinalou que «hai unha simbiose perfecta entre termalismo e deporte, nós vímolo demostrando ao longo dos dous últimos anos coa posta en marcha do Centro de Entrenamento de Alto Rendemento (CERLAC) de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño», e engadiu, «é un proxecto deportivo que situou a Ourense, e en concreto a Laias, no mapa mundial do deporte e co referente do termalismo detrás».
A temática do congreso (Deporte e Termalismo) «é un tema innovador e estamos ante un nicho de nova actividade», destacou Eduardo Blanco. Debido á especial temática do congreso vai dirixido a empresas de termalismo, empresas de turismo activo e turismo rural, clubes e federacións deportivas, empresas de servizos deportivos, persoal con responsabilidades directivas, profesionais de ciencias da actividade física e o deporte, fisioterapia, turismo e, en xeral, a calquera con interese no ámbito da xestión de centros termais e/ou deportivos do ámbito público ou privado.