Vázquez Abad participa na presentación dunha aplicación de telefonía móbil elaborada por un alumno do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel e o CPI Virxe da Saleta (Cea)

Vázquez Abad en Ourense

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou onte a mañá na presentación da aplicación de telefonía móbil, ‘Applícate o conto’, elaborada por Nelson Martínez Araújo no marco da realización do módulo de Formación en Centros de Traballo do ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma e Dispositivos Móbiles, titulación que cursou no Centro Integrado de Formación Profesional A Carballeira-Marcos Valcárcel. As personaxes dos contos que contén a aplicación, así como a narración dos mesmos, foi desenvolvida polas alumnas e alumnos do Centro Público Integrado Virxe da Saleta, de Cea, orientados polo seu profesor Martiño Ramos Soto.

Durante a presentación o conselleiro salientou este proxecto como un “bo exemplo de que a intelixencia se expresa a través do traballo en equipo, e de que as sociedades avanzan na medida en que somos capaces de harmonizar os nosos recursos a favor do ben común”. Neste sentido felicitou a todas as alumnas e alumnos participantes, así como ás súas familias polo apoio e motivación prestados. De forma especial Vázquez Abad quixo agradecer ao profesorado implicado o seu esforzo, iniciativa, e responsabilidade, “porque son os docentes os que sacan á luz as dotes creativas e innovadoras do seu alumnado, explotando as posibilidades que ofrecen os novos soportes na mellora da competencia e da creación de bos hábitos entre os máis novos”.

No acto participaron, ademais de Nelson Martínez e os escolares e familias do CPI Virxe da Saleta, o delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; o director do CIFP, Vicente Ribao; o do CPI, Valentín Tomás Castellano; e mais a xefa territorial da Consellería na provincia de Ourense, Mercedes Gallego, entre outros asistentes.

También te podría gustar...