Varios núcleos rurais de Nogueira de Ramuín melloran as súas redes de saneamento e abastecemento a cargo do Fondo de Compensación Ambiental
Varios núcleos rurais de Nogueira de Ramuín mellora as súas redes de saneamento e abastecemento a cargo do Fondo de Compensación Ambiental.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou no concello ourensán de Nogueira de Ramuín as obras, realizadas ao abeiro das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental, para mellorar as redes de saneamento e abastecemento dos núcleos rurais de A Tellada, Coitelo, Mesón, Lende e A Carballeira. Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, José César Parente.
Os servizos municipais de subministración de auga potable e recollida e tratamento de augas residuais destes núcleos rurais presentaban varias deficiencias que repercutían na calidade destes servizos públicos básicos. Coa execución dos traballos pretendeuse corrixir os erros detectados e mellorar, así, a calidade de vida dos veciños destes núcleos rurais.
A subvención, por importe de máis de 87.000 euros, destinouse á reparación da EDAR existente na Tellada (Armariz) e á conexión da rede de Requeixo. Canto ao lugar de Coitelo, procedeuse a conectar a rede de Vilaxusa e do depósito do núcleo rural. En Mesón (Peares) instalouse unha válvula redutora de presión e conectouse á rede de Coitelo, amais da construción dunha nova arqueta para as mostras na EDAR existente. A actuación en Lende (A Pereira) consistiu na conexión da rede de A Pereira e o remate da rede de Lende. E, por último, na Carballeira dotouse á EDAR existente dunha arqueta pozo areeiro onde se depositarán os áridos.
Unha vez realizada satisfactoriamente a comprobación material do investimento procedeuse ao acto administrativo de recepción da obra, no que Rogelio Martínez e José César Parente asinaron a acta de conformidade.
O Fondo que procede do canon eólico beneficia dende hai xa cinco anos aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, e a seus cidadáns, xa que subvencionan investimentos relacionados coa mellora do entorno e a conservación do medio ambiente. Ademais, o Fondo contribúe ao reequilibrio territorial, xa que a meirande parte dos beneficiarios son concellos do interior e pequenos, como é o caso de Nogueira de Ramuín.
Na nosa comunidade, o Fondo de Compensación Ambiental 2014 destinou 8,7 millóns de euros a través das liñas de concorrencia competitiva e non competitiva. Na liña de concorrencia competitiva foron 1,7 millóns de euros para un total de 53 proxectos que benefician a 88 concellos. Por provincias, Ourense foi a zona onde máis proxectos se levaron a cabo cun total de 20, seguida de Coruña con 13, Lugo con 12 e Pontevedra con 8.
Fondo de Compensación Ambiental 2015
Ademais, a primeiros do mes de decembro saíu publicada no DOG a convocatoria das axudas do Fondo de Compensación Ambiental 2015, que volve a primar as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos, ampliando nun 20 por cento a contía máxima das solicitudes conxuntas, que no 2015 ascende a 120.000 euros, fronte os 40.000 das individuais.