Valores da programación informática entre nenos, pais e o profesorado no «Scratch Day»

O CPETIG e Amtega difunden os valores da programación informática entre nenos, pais e o profesorado co «Scratch Day».

Uns trinta nenos e outros tantos profesores compartiron unha xornada no Gaiás aprendendo e gozando da informática a través do Sratch

Foto: Archivo Banco Imágenes

Foto: Archivo Banco Imágenes

Arredor de trinta nenos de entre sete e quince anos, acompañados dun adulto, se achegaron onte dun xeito lúdico ao mundo da programación no “Scratch Day”, unha xornada organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Á actividade, que tivo lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura, buscaba tamén a implicación e a concienciación dos pais neste ámbito para que os rapaces se sintan atraídos pola programación informática, de forma que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor para seguir no fogar.

Ademais, de forma paralela, levouse a cabo unha acción formativa en “Scratch” destinada ao profesorado, no que participaron trinta docentes, dentro do programa “Aprendo programando” incluída no Plan Proxecta, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Obxectivos da xornada
A xornada tivo como obxectivos xerais eliminar mitos en relación á programación informática, dar a coñecer a contorna da programación “Scratch” e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta informática.

Ademais, con esta actividade preténdese difundir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temperás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.

Formadores
No “Scratch Day” contouse coa participación das asociacións “Programamos”, que impartiu a formación a rapaces e pais, e “Código Octopus”, que contribuíu á formación ao profesorado.

“Programamos” é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo fundamental é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende idades temperás a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, desde educación infantil ata formación profesional.

“Código Octopus” é unha fonte de recursos en galego para o profesorado con bases en calquera materia que se desexe introducir á programación na docencia. Conta con material para aprender a programar en “Scratch” en Educación Primaria e Educación Secundaria e proximamente para desenvolver proxectos de “S4A: Scratch for Arduino”. Tras este proxecto atópase un grupo de profesorado de tecnoloxía do sistema educativo galego.

También te podría gustar...