Valdeorras contará cun servizo integrado de Uroloxía
Como xa anticipabamos o pasado venres, hoxe presentouse en O Barco un novo servizo integrado de Uroloxía co que contarán os veciños da comarca de Valdeorras ó ubicarse nas instalacións do Hospital Comarcal sito nesta localidade.
A presentación deste novo servizo fíxose hoxe mesmo e contou coa presenza da Xerente Executiva de Valdeorras, Guillermina Agulla, además do xefe do Servizo de Uroloxía da Área Integrada de Ourense, Barco de Valdeorras e Verín, Dionisio López Bellido.
Desde este mes de xullo, o Servizo de Uroloxía traballa xa de xeito integrado, o que permitíu ampliar a carteira de servizos do Hospital Comarcal de Valdeorras cunha oferta asistencial que abrangue consultas de alta resolución ou acto único, acceso a vías rápidas ademais dun importante incremento da complexidade cirúrxica, que se realiza directamente no hospital barquense.
Por vez primeira o HCV conta cun equipo formado por dous especialistas, plenamente integrado nun Servizo de ámbito provincial, o que permite valorar o conxunto da actividade asistencial de uroloxía como un todo, con obxectivos únicos, e regulada mediante vías clínicas, guías ou protocolos de práctica clínica comúns, e priorizando a atención dos pacientes no seu centro mais próximo.
Entre os principais obxectivos do novo Servizo de Área, que foi presentado xa o pasado mes de xuño aos profesionais do HCV, por parte do seu xefe de servizo, Dionisio López Bellido, está a extensión das vías rápidas e consultas de acto único e a potenciación da Cirurxía de Corta Estanza e da Cirurxía Maior Ambulatoria, con grandes vantaxes de cara aos pacientes.
Relevante actividade cirúrxica e de consultas
Uroloxía atende no HCV unha importante actividade cirúrxica e de consultas, en concreto segundo fixo público hoxe a xerente executiva de Valdeorras, Guillermina Agulla, o pasado ano 2013, atendéronse 1.730 consultas e 191 intervencións Cifras que se manterán este ano, con 103 intervencións rexistradas ata o 31 de xullo.
Co novo sistema de traballo, desde Valdeorras asumirase a maior parte da actividade do servizo, tendo como referencia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para a hospitalización de pacientes complexos e de ingresos prolongados, intervencións de maior nivel de complexidade e con posibles complicacións e urxencias de alto risco.
Dúas vías rápidas en Uroloxía
As Vías Rápidas son circuítos asistencias que facilitan o diagnóstico e tratamento prioritario, nun tempo inferior a 15 días, daqueles pacientes, principalmente con sospeita de un diagnóstico oncolóxico. A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense ten xa sete vías rápidas implantadas a nivel de toda a provincia: Cancro Colorectal, de Mama, Pulmón, Vexiga, Próstata, de Larinxe e Melanoma, todas elas contan en Ourense cun tempo medio de resolución medio máximo de 5 días.
En todas elas participan un gran número de profesionais porque se trata de establecer un canle directo de atención ao paciente salvando os atrancos do seu paso desde distintos centros de atención primaria ou hospitalarios, e tamen entre as distintas especialidades implicadas no diagnóstico e tratamento destas enfermidades oncolóxicas.
En concreto o Servizo de Uroloxía participa en dúas delas a Vía Rápida de Cancro Próstata e a de Cancro de Vexiga. Postas en marcha en 2012, na actualidade os tempos medios de consulta non supera os dous días no conxunto de Ourense, e xa se levan atendidos, ata xuño, 154 pacientes, deles 119 con sospeita de cancro de próstata e 35 con sospeita de cancro de vexiga.