V Festival Medieval do castelo do Bolo
- Un cento de músicos reviven este sábado a antiga tradición dos romances
- Na presentación do evento, esta mañá no Pazo Provincial, o vicepresidente primeiro Rosendo Fernández destacou o apoio da Deputación “á música e o folclore tradicional, porque a mellor forma de ser progresista é evitar que se perdan as nosas raíces”
- O evento inclúe a inauguración dun museo dedicado ao pintor e escritor local Xosé de Valbuxán-Yosso, “merecente dun maior recoñecemento”, afirmou o alcalde, Manuel Corzo
- Xosé Lois Foxo destacou a recuperación da vestimenta da época da raíña dona Urraca, que lucirá a cantante galega Iria Estévez na súa entrada a cabalo na fortaleza: “Será a icona do festival”
A antiga tradición dos romances volverá a soar este sábado, día 21, no V Festival Medieval do castelo do Bolo, que co apoio da Deputación reunirá na fortaleza a un cento de músicos nun evento que este ano homenaxea ao pintor e escritor natural do concello, Xosé de Valbuxán-Yosso. O programa do festival foi presentado onte no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.
Rosendo Fernández subliñou o decisivo compromiso do alcalde “que conseguiu reconstruír a principios deste século un castelo emblemático que agora se converte nun gran marco para o festival medieval”. Un labor ao que se suma a Deputación “para potenciar a música e o folclore tradicional, porque a mellor forma de ser progresista é evitar que se perdan as nosas raíces, nesta caso musicais”.
Manuel Corzo puxo énfase na figura do homenaxeado, Xosé de Valbuxán-Yosso (O Bolo, 1943-2019), ao que se lle dedica o museo que será inaugurado o sábado ao mediodía nas instalacións do colexio público. Un artista polifacético que comezou no mundo da pintura, formándose nas principais capitais europeas, para regresar máis tarde ao seu Valbuxán natal onde se centrou na literatura. Unha traxectoria “merecente dun maior recoñecemento, que lle vai dar este museo”, dixo o alcalde.
Xosé Lois Foxo destacou que no esforzo por manter o espírito medieval deste evento recuperouse a vestimenta da época da raíña dona Urraca, que a tradición popular sitúa no concello do Bolo e en varias lugares da comarca de Valdeorras. A cantante galega Iria Estévez será a encargada de lucir este traxe entrando a cabalo na fortaleza, “converténdose así na icona do festival”. Ademais, anunciou, o castelo estreará un sistema de sonorización que permitirá escoitar todos os días e a cada hora O Romance de dona Urraca.
Cantareiras e bandas de gaitas
Ademais da inauguración do museo dedicado a Xosé de Valbuxán-Yosso e a Mostra de Gaitas Ibéricas que xa se pode visitar na fortaleza, o programa do V Festival Medieval comezará ás 18.00 horas cunha exhibición da Cetrería do Salnés. De seguido sucederanse as actuacións, coas intervencións das bandas de gaitas do Bolo e Vilariño de Conso; as cantoras de Trives con Blandina de Cotarós; Rogelio da Acebeda; ou a cantora da seitura de Lentellais, Jacinta Fernández. Tamén haberá un recoñecemento á figura de Bautista Álvarez e participarán o especialista en instrumentos medievais Daniel García de la Cuesta; as cantareiras da Real Banda coa presentación do poema musicado “O Malvís” na memoria de Xosé de Valbuxán e a propia Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.