V Andaina Solidaria de Nogueira de Ramuín
Deporte e solidariedade, na V Andaina Solidaria de Nogueira de Ramuín.
- Esta proba deportiva que se celebrará o 21 de novembro destinará o 50% dos beneficios á Federacións de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental
A quinta “Andaina Solidaria” que se celebra o 21 de novembro no Concello de Nogueira de Ramuín destinará o 50 % dos beneficios recadadas das inscricións dos participantes á Federacións de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental. A presentación desta proba deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial na que estivo presente o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, o segundo tenente de Alcalde de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto; o concelleiro de deportes de Nogueira de Ramuín, Manuel Pereira; e o representante de FEAFES, Félix Soto.
Juan Anta asegurou “cando o deporte vai unido a actividades en apoio deste tipo de asociacións é o deporte en pura esencia”. Ademais o deputado provincial de deportes destacou “a gran labor que fai esta asociación, así como, o traballo do Concello de Nogueira de Ramuín por apoiar por quinta vez a través desta andaina este tipo de actividades”.
A andaina conta cun percorrido de 22 quilómetros con saída ás 9.45 horas na praza de Luintra, e un recorrido alternativo de 9 quilómetros. O prezo da inscrición é de 7 euros e prevese “cubrir as 200 prazas que se ofertan”, asegurou Raúl Soto.
Dende a asociación, Félix Soto, agradeceu ao Concello de Nogueira de Ramuín que contaran con eles para esta iniciativa xa que é “unha forma de facer visible a enfermidade mental dende un aspecto positivo facendo unha actividade saudable e contribuíndo ao benestar destas persoas e as súas familias”.