Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda un ano máis aumentar as precaucións para evitar lesións medulares na época estival
- No verán, o incremento das actividades ao aire libre e os desprazamentos aumentan os riscos de sufrir lesións causadas por accidentes, caídas e mergullos en augas pouco profundas
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da Consellería de Sanidade, quere facer chegar á cidadanía unha serie de recomendacións para previr posibles lesións medulares e mellorar a calidade de vida dos galegos no período estival. As vacacións e o bo tempo fan que a poboación aumente a práctica de actividades ao aire libre e os desprazamentos polas estradas, o que incrementa os riscos de sufrir lesións causadas por accidentes de tráfico, caídas a distinto nivel e mergullos en augas pouco profundas.
Os accidentes de tráfico -atropelos, colisións entre vehículos e accidentes de motocicleta- son aproximadamente a causa do 50% das lesións medulares, mentres o 50% restante se debe a accidentes laborais e deportivos como precipitacións desde certa altura, mergullos en augas pouco profundas e caídas de bicicleta ou cabalo, principalmente. Nos últimos anos estase a observar un incremento das lesións causadas por imprudencias á hora de lanzarse a auga en zonas de baño.
Se vostede vai pasear en bicicleta ou a cabalo, deberá protexer a súa testa cos cascos axeitados. Evite facer descensos ou saltos por zonas que descoñece, así como manobras que requiran dificultade técnica nos casos que non dispoñamos de adestramento previo ou habilidade suficiente para realizalas.
No caso de caídas a distinto nivel, lembre que a gravidade das lesións aumenta cando a altura é tres veces superior á estatura da vítima; polo que, no caso dos nenos, caídas de alturas non moi elevadas poden ter graves consecuencias.
Os saltos á auga en zonas pouco profundas, tanto no mar como na piscina, son unha das causas máis frecuentes de lesión medular grave. Lembre que non debe tirarse de cabeza en sitios que non coñece e no caso de que se encontre na praia deberá ter en conta o estado das mareas. Ademais, hai que coñecer perfectamente o lugar para tirarse de cabeza e, de non ser así, medilo previamente tirándose de pe, e comprobando que existen tres ou máis metros de auga na zona.
Asistencias en 2015
Durante o pasado ano, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu a 11 persoas que sufriron lesións medulares, das cales unha faleceu no punto do incidente. O 91% dos atendidos foron homes, mentres que o 9% restante foron mulleres.
Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou maior número de asistencias por lesións medulares con seis atendidos, seguida pola provincia de Pontevedra con catro persoas asistidas e Lugo cunha.
Respecto aos recursos asistenciais que atenderon, e trasladaron ata o centro hospitalario, a estes pacientes, en sete ocasións mobilizouse a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e o helicóptero medicalizado asistiu en catro ocasións.
Nos últimos anos obsérvase un leve descenso do número de persoas atendidas por este tipo de lesións. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no ano 2015 asistiu a 12 persoas, en 2014 a 11 e en 2013 atendeu a 13 persoas.
Como actuar en caso de emerxencia
En caso de ser testemuña dunha situación de emerxencia sanitaria, chame ao 061 e facilite a información sobre o número de vítimas, o tipo de lesións e a localización dos feridos. Recorde indicar o seu número de teléfono por se fose necesario que rechamaran para localizar con exactitude o lugar no que se encontra. Inmediatamente, e mentres vostede está falando co persoal do 061, poranse en marcha os recursos necesarios para a súa asistencia sanitaria. Ao mesmo tempo, un médico coordinador indicaralle como actuar ata que a ambulancia asistencial de soporte vital básico/avanzado ou o helicóptero medicalizado chegue.
É importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas se poden salvar se son tratadas dun modo axeitado.