«Único e xusto obxectivo: defender a sanidade pública en Valdeorras»
- Pontón pide a Feixóo que reverta os recortes en sanidade e deixe de tratar á veciñanza de Valdeorras como cidadanía de 2ª
- “O único que demostra ser un presidente de segunda é el coa súa estratexia de acoso e derribo á sanidade pública na comarca”, alega
- Propostas do BNG: recuperar a área sanitaria e servizos suprimidos e urxente contratación de persoal no hospital e centros de saúde de primaria
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coa xunta de persoal do Hospital de Valdeorras, á que trasladou todo o apoio do BNG ás demandas dos e das profesionais sanitarios e do conxunto da veciñanza da comarca en defensa dunha sanidade pública de calidade, fronte ao Goberno do PP empeñado nunha política de recortes e privatizacións que terminou por desmantelar o que até fai poucos anos era un eficiente hospital comarcal.
“Estamos outra vez máis na porta deste hospital por un único e xusto obxectivo: defender a sanidade pública en Valdeorras, defender o dereito fundamental a saúde dos 32.000 veciños e veciñas que viven en algún dos catorce concellos desta comarca”, salientou Pontón, tras denunciar a estratexia de “acoso e derribo” do Goberno de Feixóo contra o Hospital de Valdeorras, que tamén afecta ós centros de atención primaria.
Tras destacar a “exemplar mobilización” da veciñanza, firme no seu empeño en defender o seu dereito a saúde, a líder nacionalista explicou as propostas do BNG a favor da sanidade pública en Valdeorras.
A primeira é recuperar a área sanitaria suprimida “despoticamente” polo Goberno do PP a través da Lei de saúde de 2018. Desde entón, o PP empezou unha sistemática demolición dos servizos sanitarios dun hospital que, até ese momento, prestaba a veciñanza un servizo eficaz e de proximidade. “Feixóo está tratando aos 32.000 veciños e veciñas desta comarca como cidadáns de segura e non o son, aquí o único que está demostrando ser de segunda é un presidente da Xunta que deteriora a sanidade publica”, criticou Pontón.
Neste sentido, o Bloque reclama con carácter inmediato recuperar todos os servizos sanitarios suprimidos, como é o caso de dermatoloxía, rehabilitación ou cardioloxía, así como dotar de persoal os servizos onde os recortes son tan grandes que na practican imposibilitan o seu funcionamento.
Por exemplo, cirurxía que só ten un profesional onde antes había cinco; traumatoloxía, cun especialista onde había tres; en medicina interna, antes con dez profesionais e agora con menos da metade e derivando citas. Unha demanda que o BNG levará ao próximo pleno do Parlamento para reclamar a urxente contratación de profesionais para radioloxía, xinecoloxía e traumatoloxía.
O que non se pode admitir como normal, denuncia a líder do Bloque, é que unha persoa da comarca pida cita por exemplo para trauma e teña un ano de espera, porque listas de agarda dun ano son incompatibles cunha sanidade de calidade. A sanidade ten que ser rápida e próxima, indicou Pontón, tras destacar que a comarca de Valdeorras está a case dúas horas de distancia de Ourense capital e que as dificultades das comunicacións en termos sanitarios son evidentes, por iso é fundamental recuperar a área sanitaria de Valdeorras.
Base 061 e ambulancia con soporte avanzado
Igualmente, entres as propostas da formación nacionalista, cubrir todas as prazas vacantes nos centros de saúde da comarca, acabando coa sobre explotación dos e das profesionais con axendas sobrecargadas porque o SERGAS racanea no persoal sanitario. Así como dotar á comarca dunha base do 061 con ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, que permita o traslado de feridos ou doentes graves.
“En definitiva, demandamos do Goberno de Feixóo que garanta unha sanidade pública de calidade á veciñanza de Valdeorras o que pasa por reverter todos os recortes tanto no Hospital como nos centros de atención primaria da comarca, porque estamos falando da saúde de 32.000 veciños e veciñas e, coa saúde das persoas non se xoga, nin se recorta, nin se privatiza”, concluíu Pontón, deixando claro que nin a veciñanza de Valdeorras nin o BNG sen van render na defensa da sanidade pública.