Unha piscina termal flotante no río Miño potenciará a oferta de termalismo na provincia de Ourense
- O presidente da Deputación de Ourense e a directora de Turismo de Galicia asinaron hoxe o convenio para a construción desta infraestrutura, que se situará ao carón do balneario de Laias (Cenlle) e que suporá un investimento de 200.000 €
- O proxecto forma parte do Plan «Ourense, a provincia termal», que desenvolven conxuntamente Deputación e Xunta, e que ten como obxectivo impulsar a riqueza termal na provincia de Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinaron hoxe no Pazo Provincial un convenio de colaboración entre a administración provincial e a autonómica para executar o proxecto de construción dunha piscina flotante termal no río Miño, ao carón do balneario de Laias (Cenlle), que potenciará a oferta termal na provincia de Ourense. O acordo contempla a construción nun prazo de catro meses da dita infraestrutura termal, na que se investirán por parte da Axencia de Turismo de Galicia 200.000 euros.
O proxecto, segundo explicou o presidente do goberno provincial, «forma parte do Plan «Ourense, a provincia termal», que estamos a desenvolver conxuntamente Deputación de Ourense e Xunta de Galicia co obxectivo de seguir impulsando a riqueza termal e natural da provincia de Ourense». Baltar remarcou que o termalismo «é un dos produtos turísticos de maior especialización na nosa provincia e un dos que que achega unha maior singularidade á oferta relacionada con ocio e saúde, ao redor da cal estrutúranse unha serie de servizos innovadores e de establecementos balnearios que aportan calidade e valor ao turismo da provincia de Ourense».
A Deputación de Ourense levará a cabo a construción da piscina termal flotante nas proximidades do balneario de Laias, á beira do río Miño, unha actuación que figura na liña estratéxica de «Infraestruturas termais» do referido Plan Termal. A piscina sitúase dentro do denominado Dominio Público Hidráulico, ocupando unha superficie de 657 metros cadrados, dos cales 550 metros cadrados corresponden á plataforma e á piscina flotantes, situadas na beira do río Miño, e 107 metros cadrados, á pasarela de conexión entre a piscina e o balneario.
Deputación de Ourense e Xunta de Galicia seguen a traballar para desenvolver en 2016 as liñas de actuación do Plan Termal nos ámbitos da promoción turística, as melloras de infraestruturas termais, a xestión económica e os investimentos. Neste sentido, Manuel Baltar afirma que a planificación «é básica para acadar os obxectivos propostos no plan, que deberá estar rematado no horizonte de 2020 coa finalización do período de fondos comunitarios». Baltar considera que a «aposta firme» polo termalismo «danos visibilidade internacional e fai posible que, por exemplo, programas como o de «Termalismo saúdable» enlace Ourense con 40 provincias de España, coa posibilidade de obter on line e en menos de 5 minutos a confirmación da reserva de praza para estancias nos balnearios da nosa provincia».