Unha ‘Marca Ourense’ para ‘Crer para Crear’

  • Manuel Baltar defende na CEO a importancia de potenciar a «Marca Ourense» desde a cooperación, a innovación e a idea de «crer para crear»
  • O presidente do goberno provincial inaugurou xunto co presidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Pérez Canal, a xornada sobre «Estratexias para un futuro de Ourense como destino turístico»
  • Baltar afirmou que a chegada do AVE en 2018 será un factor de cohesión que contribuirá a unir o «gran puzzle de potencialidades» que temos na nosa provincia

 

0 MB e CEO dic15

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu onte na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) a importancia de potenciar a «Marca Ourense» desde a cooperación, a innovación e a idea de «crer para crear». Baltar afirmou que a chegada do AVE en 2018 será un factor de cohesión «que contribuirá a unir o gran «puzzle» de potencialidades que temos na nosa provincia nos ámbitos cultural, turístico, tecnolóxico, gastronómico, empresarial e termal; e para que todas as pezas encaixen debemos ser quen de aproveitar as condicións e oportunidades que temos para achegar esa realidade económica e competitiva»,

O presidente do goberno provincial fixo estas declaracións no acto inaugural da xornadas sobre «Estratexias para un futuro con Ourense como destino turístico. Aproveitamento da chegada do AVE», que se celebrou na CEO e na que participou xunto ao presidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Pérez Canal, e a Doménec Biosca, experto en turismo e presidente da Asociación de directivos e expertos en empresas turísticas.

Manuel Baltar destacou «as oportunidades inmediatas» que se lle presentan á provincia de Ourense para posicionarse e difundir as súas potencialidades, entre as que citou o feito de que Ourense «será a provincia protagonista da «Vuelta a España» 2016 coa disputa de catro etapas en territorio ourensán, converténdose na provincia de máis relevancia nos 72 anos de historia desta proba ciclista». Tamén lembrou o Plan «Ourense, a provincia termal» que a Deputación está a desenvolver conxuntamente coa Xunta de Galicia, e citou como exemplo da boa promoción que se está a facer neste ámbito o feito de que «os balnearios da provincia tiveron na pasada ponte da Constitución unha ocupación do 100 %».

Outros importantes aspectos de promoción turística que estamos a vivir, en opinión de Manuel Baltar, son os traballos para lograr que a Ribeira Sacra sexa distinguida como Patrimonio Mundial da Unesco, e a oportunidade que suporá de promoción deportiva que o COB xogue na ACB na vindeira tempada. «Todo iso, unido a que en Ourense contamos co centro de I+D+I máis importante de Galicia, a Tecnóple; que somos líderes en denominacións de orixe vitivinícola e na exportación de lousa, e tamén recoñecidos internacionalmente polo nosos sectores termal, agroalimentario e textil, fai que se abra ante nós un futuro do máis alentador que temos que saber aproveitar con impulso que nos dará a chegada da alta velocidade en 2018», dixo Manuel Baltar.

Pérez Canal e Manuel Baltar coincidiron en destacar a importancia da cooperación institucional e empresarial, como a que levan a cabo Deputación e CEO na Oficina de atracción de investimentos. «Este é un exemplo da alianza estratéxica que mantén o goberno provincial coa Confederación Empresarial de Ourense», remarcou Baltar, mentres que Pérez Canal destacou as potencialidades desde o punto de vista empresarial ten a nosa provincia «que conta con 11 parques empresariais e 300.000 metros cadrados de solo dispoñible».

Pola súa banda, Doménec Biosca referiuse no seu relatorio á «importancia decisiva» de crer na inmediatez que ofrecen as tecnoloxías da comunicación «imprescindibles para posicionarse no territorio accesible e sen límites que hoxe en día o mundo, o cal temos a un só «clic». Biosca falou das claves para acadar unha «Marca Ourense» de prestixio e dos valores que ten a provincia para atraer investimento. «Pero todo elo necesita de moito optimismo e nada de fatalismo, porque se vostedes (os ourensáns) non cren no que lle poden ofrecer ao mundo os turistas e os cartos fuxirán». E coincidiu con Baltar e Pérez Canal en que a chegada do AVE «impulsará a economía da provincia de Ourense como xa aconteceu noutros territorios de España, onde se ve claramente que existe un antes e un despois. Para acadalo, a receita é: ofrece un excelente «menú de oportunidades» ben conxuntado, optimismo e capacidade para innovar día a día, sen deterse nin un segundo para ollar cara atrás».

 

También te podría gustar...