Unha década promovendo o software de código aberto en galego

  • O portal Mancomún da Amtega cumpre dez anos e estrea dominio .gal
  • A web de referencia do software libre en Galicia celebra unha década promovendo o software de código aberto en galego
  • Alberga, entre outras iniciativas, o Repositorio de Software Libre de Galicia no que hai rexistrados un total de 310 proxectos, dos cales 18 son proxectos liberados pola Xunta de Galicia

 

AmtegaO portal Mancomún da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) cumpriu dez anos e súmase aos 70 portais da Administración autonómica que xa empregan o dominio “.gal”. Este cambio enmárcase no compromiso recollido no Decreto que regula a organización da presenza en internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e que foi aprobado en maio de 2015.

Dez anos difundindo o software libre
O 10 de maio de 2016, o portal cumpriu unha década promovendo o software libre en galego na Comunidade. Mancomún naceu co obxectivo de ser o portal de referencia e aglutinador de todas as iniciativas sobre software libre que se están a desenvolver en Galicia dende os diferentes ámbitos; institucional, empresarial, educativo, voluntariado, etc.
Nestes dez anos Mancomún serviu de canle de comunicación pública na que informar das distintas iniciativas neste eido, non só da Administración Autonómica, senón tamén do resto de axentes promotores do software libre en Galicia; e proporcionar un conxunto integrado de servizos dirixidos a promover a difusión, formación, desenvolvemento … do software libre en Galicia.
Desde 2006 o portal fíxose eco dunhas 4.650 novas relacionadas co software libre e de particular interese para o sector publico, o sector empresarial e a cidadanía. Ademais publicáronse 40 entrevistas a empresas, persoas ou axentes de relevancia no eido do software libre. Nos últimos anos incorporáronse novas seccións, nas que se publicaron artigos tecnolóxicos e 22 números do boletín mensual de reutilización de software libre nas administracións públicas. Durante o ano 2015, o portal tivo unha media de 21.700 visitas mensuais cuns 3.900 visitantes distintos ao mes.
Repositorio de Software Libre
O portal integra tamén outros servizos que a Amtega pon a disposición de toda a cidadanía para o fomento do software libre como o Repositorio Documental de Software Libre, no que se publicaron máis de 160 materiais formativos e divulgativos con licenza libre e en formatos abertos dende o 2010, e o Repositorio de Software Libre de Galicia ou Forxa, no que hai rexistrados un total de 310 proxectos, dos cales 18 son proxectos liberados pola Xunta de Galicia.

Coincidindo con este décimo aniversario, no último trimestre do ano está previsto publicar unha nova versión do portal, que renovará contidos e estruturas e adecuarase ao seu uso nos dispositivos móbiles.

También te podría gustar...