Unha de cada 10 familias galegas obtiveron o ano pasado unha renda pola venta da súa madeira, percibindo 280 millóns de euros

Foto Xoan Crespo

Foto Xoan Crespo

 

No ano 2013 preto de 70.000 propietarios forestais cortaron madeira en Galicia, o que significa que unha de cada 10 familias galegas obtiveron unha renda pola venta da súa madeira, percibindo 280 millóns de euros por este concepto. Isto representou un incremento do 29% con respecto ao ano anterior.

Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na inauguración hoxe do Foro sobre o sector forestal galego, que organiza o Grupo Correo Gallego.

Rosa Quintana glosou así a fortaleza do sector na nosa Comunidade, lembrando que “Galicia é, sen lugar a dúbidas, a maior potencia forestal de España e unha das máis importantes de Europa”. Neste sentido, indicou que a superficie forestal galega ocupa dúas terceiras partes do seu territorio e a arborada representa case a metade. Falamos –dixo– de 1.400.000 hectáreas e dunha alta produción de madeira, de máis de 7,5 millóns de metros cúbicos anuais, que supoñen o 45% da produción nacional.

A conselleira incidiu no compromiso da Xunta co desenvolvemento deste sector, a través da súa ordenación –con fitos como a primeira Lei de Montes da nosa Comunidade– e fomento, coa inxección de fondos “dun xeito relevante, aínda a pesar das dificultades e axustes orzamentarios”.

Neste sentido, Rosa Quintana lembrou por exemplo que a Xunta apoiou a máis de 1.100 propietarios que recibiron axudas para mellora das accións de silvicultura e forestación de terras non agrarias, dispoñéndose para este fin máis de 25 millóns de euros nos últimos tres anos. A titular de Medio Rural e Mar engadiu tamén que “redobramos a aposta polo rural reforzando a competitividade do sector forestal, sabedores de que o 70% destas empresas aséntase en poboacións de menos de 5.000 habitantes, apoiando ás pemes e micropemes, maioritarias neste ámbito, e outorgando a 120 empresas beneficiarias máis de 5,5 millóns de euros desde 2012”.

Ao mesmo tempo, destacou o aumento dos orzamentos para 2015 en materia de accións preventivas e infraestrutura forestal, que medran os seus fondos nun 13%, e a duplicación das axudas a montes veciñais en man común para accións de silvicultura preventiva, que pasan de 4,45 a 9,1 millóns de euros.

A conselleira falou tamén da relevancia social deste sector e nesta liña apuntou que a propiedade forestal galega é claramente de natureza privada, xa que o 98% dos montes son privados.

Ademais, Rosa Quintana afondou na función medioambiental do monte que –afirmou– “recoñécese a acrecéntase progresivamente” e rematou a súa intervención co desexo dun traballo conxunto entre administración e sector “para facer posible que o monte galego sexa un dos puntais do desenvolvemento social, económico e ambiental de Galicia nos anos vindeiros”.

También te podría gustar...