Unas xornadas ‘de Raza’
- Actividades ao longo de todo o día no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e mañá realizarán visitas guiadas por Ourense
As «X Xornadas de Razas Autóctonas Españolas» foron inauguradas esta mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández xunto co presidente da Federación de Razas Autóctonas Españolas, José Manuel González Lamelas; co director do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, Castor J. Rivero Martínez; e de Federapes, J. Ramón Justo Feijoo.
Rosendo Fernández destacou o labor que realiza o Inorde con respecto á recuperación das razas autóctonas dende hai máis de 15 anos concretamente co porco celta, coa ovella galega, coa galiña de Mos e coa cabra galega con dous obxectivos «para manter o rabaño co maior número de liñas xenéticas para asegurar a súa viabilidade dos rabaños fundacionais e para contribuír ao desenvolvemento destas razas mediante a venta ou a cesión dos animais aos gandeiros para aumentar o número de animais e as explotacións das distintas razas».
Rosendo Fernández asegurou que ao longo destes anos entregáronse «máis de 900 animais entre ovino e porcino e unhas 6.000 galiñas de Mos» e engadiu «para o periodo 2016-2020 o Inorde ten previsto a posta en marcha do proxecto da Granxa Escola de Armariz».
José Manuel González puxo de manifesto «o alto contido científico» que terán estas xornadas e que as súas conclusións axudarán aos asistentes a «afrontar os retos diarios nun sector tan competitivo como é o noso, onde a calidade e a diferenciación son as estratexias a seguir e como obxectivo final é a defensa e promoción das nosas razas autóctonas».
As xornadas que acollerán actividades ao longo de todo o día de hoxe e tamén mañá, 11 de decembro, cunha visita guiada a pé pola cidade de Ourense durante dúas horas e outra ás Termas da Chavasqueira e Outariz. No día de hoxe os participantes asistirán a distintas ponencias como «As razas autóctonas nos programas de desenvolvemento rural das comunidades autónomas», «Programas de cooperación e innovación 2014/2020 e as asociacións de razas autóctonas» e «Grupos operativos de ámbito nacional e programas de innovación. Oportunidades para criadores e asociacións de razas autóctonas». Asemade será presentado o proxecto «Bestiarum. Pasado, presente e futuro», polo fotógrafo José Barea. Na xornada de tarde terá lugar unha mesa redonda na que intervirán expertos do sector gandeiro para abordar a «aplicación práctica do logotipo Raza Autóctona ou de comercialización directa dos nosos gandeiros».
Pola súa banda, Castor J. Rivero desexou aos asistentes que este «intercambio de coñecemento e experiencias sirvan para apuntalar o mantemento e desenvolvemento destas razas».