Una cesión para «manter a lembranza permanente da nosa etnografía e preservar a memoria de Liste»
- A Deputación de Ourense estuda asumir mediante cesión o museo Olimpio Liste
- Manuel Baltar analizou coa viúva e a filla do etnógrafo a situación actual do museo e avogou por chegar a un acordo «que permita xestionar e manter esta lembranza permanente da nosa etnografía e preservar a memoria de Liste»
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á viúva e á filla do etnógrafo Olimpio Liste, Josefina Fernández e Araceli Liste, acompañadas polo alcalde de Cea, José Luis Valladares, con quen analizou a situación actual do museo etnográfico, situado en Oseira, que garda importantes elementos da historia ourensá e galega e que na actualidade permanece pechado. O presidente do goberno provincial avogou por chegar a un acordo cos propietarios para que a Deputación de Ourense asuma mediante cesión o museo e así «poder xestionar e manter estas instalacións, lembranza permanente da nosa etnografía, e preservar a memoria do seu creador e impulsor, Olimpio Liste».
Manuel Baltar confirmoulles á familia de Liste que a Deputación de Ourense «fará todo o posible» para que esta xoia da historia de Ourense poida abrirse novamente ao publico «e sexa un elemento dinamizador da comarca de Oseira, conxuntamente co seu mosteiro, co obxectivo de que escolares, investigadores e público en xeral se acheguen ao museo para coñecer máis polo miúdo os elementos que foron conformando a vida e a historia cotiá da provincia de Ourense e dos seus cidadáns».
Entre os temas que abranguería o posible acordo de cesión do museo figurarían que o goberno provincial asumiría a xestión do mesmo e tamén cabería a posibilidade de realizar estudos de catalogación, restauración e conservación de pezas, así como o mantemento das instalacións.
Olimpio Liste, mestre e etnógrafo, abriu o museo no ano 1976 nunha casa situada nas inmediacións do Mosteiro de Oseira, acollendo nas súas instalacións seccións dedicadas ás labores propias do agro, aos gremios artesáns e ás crenzas, contando ademais cunha importante biblioteca que inclúe volumes e traballos de documentación etnográfica e antropolóxica.