Un total de 100 mozos e mozas participan en Entrimo no campamento de Xuventude ‘Teatro e aventura na natureza’
Os campamentos de verán para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos conta en Ourense con 735 prazas, fronte ás 640 ofertadas na pasada campaña. As instalacións nas que se desenvolverán os campamentos son o centro de educación ambiental Equal en Coles; o albergue Vilar de Ordelles en Esgos; a estación de montaña de Manzaneda; a residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, na capital da provincia e o o campamento Penedos de Xacinto en Entrimo.
Esta última instalación foi visitada onte pola directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o delegado territorial, Rogelio Martínez. Trátase dun campamento de montaña, cunha capacidade de 100 prazas en tendas de campaña. A instalación dispón de pista polideportiva, salón de actividades, rocódromo, anfiteatro, alpendre cuberto e piscina.
Nesta quenda, na instalación están 100 mozos e mozas de entre 12 e 15 anos que participan no campamento ‘Teatro e aventura na natureza’, que conta con actividades de dramatización, expresión corporal, ensaios e propostas teatrais ou técnicas de circo como malabares e habilidades de equilibrio. Para o total do verán, en Penedos de Xacinto foron convocadas 300 prazas, 200 en campamentos organizados directamente pola administración autonómica e 100 por entidades a través da oferta concertada.
A provincia de Ourense acolle este ano un total de 880 prazas, 75 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nas actividades de conciliación estival e de ocio educativo da campaña de verán, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
Ademais, a provincia de Ourense conta con campos de traballo para mozos e mozas de 18 a 30 anos en Celanova, Riós, Muíños e Vilar de Barrio e actividades para descendentes da emigración galega na residencia Florentino Cuevillas da capital.
A oferta da Campaña de Verán a nivel autonómico ascende a 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. Para a súa posta en marcha, a Consellería de Traballo e Benestar inviste 2,4 millóns de euros. Grazas a esta iniciativa, favorécese ademais a contratación de máis de 900 monitores e directores de campamentos.