Un total de 1.094 estudantes resultan beneficiarios das axudas complementarias da Xunta de Galicia para os participantes no programa Erasmus+
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou o pasado xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria de axudas de mobilidade complementarias ás concedidas pola Unión Europea e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte aos estudantes participantes no programa Erasmus+. As bolsas, ás que se destina un orzamento total de 1,3 millóns de euros, van dirixidas aos alumnos e alumnas matriculados nas universidades galegas e dos centros asociados da UNED en Galicia e que estean a estudar fóra de España neste curso 2014/2015 grazas a este programa comunitario.
Un total de 1.094 estudantes galegos resultan beneficiarios da convocatoria deste curso, ao abeiro da que recibirán axudas de entre 320 e 1.850 euros, para cubrir estadías dun máximo de 9 meses. A contía mensual da axuda fixouse en función do país de destino e da duración da estadía, que pode ser de ata 9 meses. Deste xeito, os bolseiros que realicen o programa Erasmus+ en Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega, ou Suíza percibirán 150 euros ao mes. No caso do segundo grupo, de estadías en Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia, e Turquía, a axuda complementaria da Xunta ascende a 120 euros ao mes. As axudas do terceiro grupo, de 80 euros mensuais, diríxense aos estudantes que desenvolvan este programa comunitario en Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia, ou na Antiga República Iugoslava de Macedonia.
Ademais, a Consellería recoñece nesta convocatoria a excelencia académica dos bolseiros, cunha contía adicional de 500 euros para os mellores expedientes, que percibirán un total de 550 estudantes. A resolución pode consultarse no DOG de hoxe, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150521/AnuncioG0164-130515-0002_gl.html.
Estadías por países
O programa europeo Erasmus+ facilita a mobilidade de estudantes das universidades do SUG e dos centros asociados da UNED en Galicia para a realización de estadías noutras universidades de países membros da Unión Europea. As devanditas estadías permiten que os estudantes do SUG podan acadar unha dimensión internacional dos estudos e un enriquecemento dos itinerarios curriculares. Así mesmo, serve como factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e permite ao alumnado participar en sistemas académicos diferentes integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará a súa cualificación e os seus coñecementos profesionais e lingüísticos.
Neste curso 2014/2015 a maioría do alumnado que participa no programa optou por estadías en Italia (245), Polonia (155), Portugal (130), Alemaña (89), Reino Unido (71), Francia (65), República Checa (59), Romanía (45), Turquía (29), Irlanda (24), Noruega (22) e Eslovaquia (21).