Un podcast sobre Florencio Delgado Guarriarán achega ao autor ás novas xeracións
- O programa, creado e conducido polo poeta valdeorrés Jorge Moral, estrenouse onte 30 de xaneiro e publicarase un capítulo cada último domingo de mes durante o 2022
O proxecto As Letras de Florencio — integrado por varios Concellos de Valdeorras co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia — publicou este domingo 30 de xaneiro o primeiro dunha serie de podcasts sobre a vida e a obra do escritor de Córgomo. As letras de Florencio: o podcast, son doce capítulos que serán publicados no último domingo de mes durante o 2022. O formato é unha creación do xoven escritor e activista cultural valdeorrés Jorge Moral, quen no primeiro capítulo: Do que non se fala, pouco se sabe, ofreceu unha cartografía persoal sobre o poeta abarcando todas as facetas: a humana, a política e a literaria. Tamén terá unha colaboración do historiador Ricardo Gurriarán, e a intervención de Eilún del Pazo, poeta gañadora da terceira edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán.
O propio Jorge Moral foi o gañador da primeira edición deste concurso cando tiña dezaoito anos e dende entón a súa relación con Florencio e a reivindicación da súa figura non fixo máis que crecer. Dende Utrecht, onde se atopa cunha estancia Erasmus, asegura que desexa que este podcast contribúa a crear un discurso colectivo sobre Florencio:
Hai bastante investigación formal sobre o autor pero falta divulgación, facer a súa obra e traxectoria máis accesibles, sobre todo para a xente nova, afeita a que se nos conte a cultura cuns códigos que non son os nosos.
A acción cultural e política de Florencio están moi vixentes, segundo Moral, quen explica que creceu «lendo todos os libros da sección infantil da biblioteca municipal do Barco, que ademnais chámase Florencio Delgado Gurriarán, o cal non significaba nada para mín ata que empecei a lelo e a
interesarme». Con 21 anos, ten publicado un poemario, Océanos (Barullo microedicións, 2019), e participado en dúas antoloxías, MAFIA (Leite Edicións, 2021) e 21 poetas do século XXI (Aira Editorial, 2021). Os podcast, que contan co apoio da Deputación de Ourense, subiránse á Spotify e Ivoox e poranse a disposición de plataformas de audio en liña e radios para a súa emisión. Tamén estarán na web asletrasdeflorencio.gal e nas redes sociais do proxecto, onde se irán anunciando tódalas actividades e publicacións relacionadas co autor durante este 2022.