Un Plan para coordinar os efectivos na loita contra a vespa velutina

  • A Xunta e a Fegamp colaborarán na loita contra a vespa velutina a través dun Plan de coordinación cos concellos
  • Preténdese coñecer que municipios están dispostos a actuar na retirada e neutralización de niños para coordinar os recursos
  • Trátase de incrementar a colaboración cos diferentes axentes implicados para dar unha resposta rápida e efectiva a esta cuestión
  • No ano 2015 retiráronse ou inactiváronse por parte da Administración galega ata 5.640 niños en 170 concellos
A Consellería do Medio Rural acolleu un encontro entre distintos departamentos da Xunta de Galicia, implicados na loita contra a vespa velutina

A Consellería do Medio Rural acolleu un encontro entre distintos departamentos da Xunta de Galicia, implicados na loita contra a vespa velutina

 

A Consellería do Medio Rural acolleu esta semana un encontro entre distintos departamentos da Xunta de Galicia, implicados na loita contra a vespa velutina, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), co obxectivo de coordinar os efectivos e recursos dos que dispoñen as distintas administracións. Na xuntanza, decidiuse contactar cos concellos para saber cales están dispostos a actuar na retirada e neutralización de niños, algo que moitos, xa están a facer.
Unha vez elaborada esta lista de municipios colaboradores, poderanse reorganizar os recursos autonómicos para intervir naqueles lugares onde son máis necesarios ou onde non hai outras alternativas.

No encontro estiveron presentes os departamentos de Vicepresidencia da Xunta, a través do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor Pérez; a Consellería de Medio Ambiente, coa directora xeral da Natureza, Ana María Díaz; a de Sanidade, a través do subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía e do Medio Rural, representada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. Por parte da Fegamp acudiu o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares Bermúdez, e o vicepresidente executivo, Manuel Mirás Franqueira.

Este encontro é o primeiro paso de cara a unha colaboración maior con outras entidades e o propio sector apícola para deseñar un plan de actuación contra este insecto invasor, de xeito que se concrete unha folla de ruta que pormenorice a forma de actuar en cada cada caso e os organismos que se activarán segundo o lugar xeográfico e a situación do niño. Así mesmo, a través desta coordinación co sector, a administración e a universidade, preténdense buscar novos métodos de intervención.

O obxectivo é establecer todos os mecanismos de actuación necesarios para combater todos os casos que supoñen un perigo para as persoas e minimizar os efectos desta especie invasora sobre o territorio, así como reducir a súa expansión.

Balance do último ano
Por outra banda, na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, Belén do Campo fixo balance das cifras de 2015 respecto a esta cuestión, ano no que o Goberno galego retirou ou inactivou ata 5.640 niños de vespa velutina en 170 concellos. A estes datos habería que sumar aqueles niños intervidos por outros axentes como asociacións apícolas, concellos, parques de bombeiros ou empresas privadas, co que o número podería chegar aos 7.000 ou 8.000 actuacións.

Actualmente, a forma de actuar unha vez se recibe o aviso consiste en verificar se se trata dun niño de vespa velutina ou doutra especie, ben a través do propio comunicante ou cunha visita ao lugar. Unha vez confirmado, técnicos da Xunta retiran o niño ou o inactivan cun insecticida específico. No caso de que non se poda acceder a el, é cando se solicita o apoio doutras unidades como Protección Civil, os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) ou Bombeiros, e se organiza un operativo segundo a súa dispoñibilidade.

También te podría gustar...