Un millón de euros para a restruturación e reconversión do viñedo

  • Galicia recibirá 1 millón de euros na vindeira convocatoria de axudas para a restruturación e reconversión do viñedo
  • A conselleira do Medio Rural asistiu esta mañá ao Consello Consultivo de Política Agraria onde se decidiu o reparto destas axudas para cada unha das comunidades autónomas
  • Ángeles Vázquez amosouse satisfeita co orzamento conseguido para Galicia posto que permitirá cumprir coas expectativas e demandas do sector
  • Estas axudas aplicaranse ás superficies de viñedo da comunidade autónoma destinadas á produción de uva para vinificación, nas que se leven a cabo tarefas de reconversión varietal, reimplantación de viñedos ou melloras das técnicas de xestión de viñedos

image_gallery-3

 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Agraria, onde se decidiu o reparto orzamentario das axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo, sendo para Galicia un importe de un millón de euros con vistas á vindeira convocatoria.

Ángeles Vázquez mostrouse satisfeita con esta cifra, pois permite cumprir coas demandas do sector e traballar así na reestruturación dunhas 100 hectáreas no vindeiro ano 2017. A conselleira agradeceulle ao Ministerio que tivera en conta a súa solicitude para poder contar con esta cantidade, xa que o viñedo galego está alcanzando uns puntos álxidos moi importantes e é preciso que o goberno da Xunta siga apostando por este medio de vida, cada vez máis asentado no rural galego.

Estas achegas están cofinanciadas na súa totalidade polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e aplícanse ás superficies de viñedo da comunidade autónoma destinadas á produción de uva para vinificación, nas que se leven a cabo tarefas de reconversión varietal, reimplantación de viñedos ou melloras das técnicas de xestión de viñedos.

A titular de Medio Rural destacou a importancia destas axudas para o noso sector vinícola, pois grazas aos reaxustes estruturais que se levan a cabo conséguese diminuír os custes de produción nas explotacións vitícolas onde predomina o minifundio. Ademais, sinalou que o aumento da profesionalización dos viticultores galegos, así como a potenciación dunha remuda xeracional permite que este sector destaque polo seu peso e calidade tanto no mercado nacional como no internacional. Mostra disto, engadiu, é que o vitivinícola é o eido agroindustrial máis exportador de Galicia, onde na campaña 2014/2015 incrementou as súas exportacións un 104,6% respecto á campaña 2008/2009, o que significa que exporta o 17,5% da produción total.

Precisamente estas achegas tamén permiten mellorar as técnicas de xestión dos viñedos e adaptar as explotacións ao mercado a través de melloras varietais, ao mesmo tempo que se preservan as variedades viníferas autóctonas de menores rendementos e de elevada calidade diferenciada, aproveitando deste xeito a gran vantaxe competitiva que supón a diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado.

Viñedo de la Denominación de Origen Valdeorras durante la vendimia

Viñedo D.O. Valdeorras

 

Sector competitivo

No período 2000-2015 beneficiáronse destas axudas un total de 9.300 viticultores e a superficie afectada foi de 4.131 hectáreas. Destináronse 60,6 millóns de euros a esta finalidade e a media de axuda por beneficiario foi de 6.524 euros.

O pasado mes de xullo rematou o prazo para solicitar as axudas correspondentes á anualidade 2016, sendo un total de 71 as solicitudes presentadas -e aínda pendentes de resolución- que se engloban en 10 plans colectivos para traballar nun total de 63 hectáreas.

También te podría gustar...