Un “encontro moi especial” na Cova da Xabreira de Seadur

  • Este sábado 16 de abril celebrará a ‘Festa das Covas’ en Seadur
  • Será para un aforo limitado de persoas e co espírito de “reencontrarse este ano para voltar con forza o ano que vén”

Conxunto covas de Seadur

 

O pasado mes de febreiro a directiva das Covas de Seadur anunciaba que este ano 2022 tampouco se celebraría a coñecida ruta polas súas adegas soterradas esta Semana Santa. Un evento que cada ano ía a máis e que a pandemia freou, ao igual que outros eventos nos que se concentra moita xente en espazos pequenos.

No comunicado da directiva convocaban xa para o vindeiro ano, no que esperan retomar con enerxías renovadas este evento tan querido e xa consolidado na localidade de Seadur, no Concello de Larouco.

Así as cousas, dende a xerencia da Cova da Xabreira, unha aposta emprendedora dun adegueiro do lugar e referente xa do enoturismo na zona tras unha espectacular restauración, decidiu organizar unha ‘Festa das Covas’ simbólica co espírito de manter a tradición. “As cousas que importan non se deberían esquecer. Reencontrarse este ano para voltar con forza o ano que vén”, toda unha declaración de intencións para esta festa con aforo reducido que organizan este sábado 16 en Seadur.

Cova da Xabreira

 

Con esta filosofía, prepararon un programa moi completo para pasar a tarde-noite deste sábado de Semana Santa no que non faltará a boa música, os encontros entre amigas e amigos e por suposto todo arredor duns viños.

A organización do evento insiste nun tema moi importante, “non se poden subir os coches ata a adega” co cal hai que deixalos na parte baixa de Seadur, sen entrar para nada na zona histórica das Covas.

 
PROGRAMA

Ás 18:00 h. procederase á apertura das portas e á entrega das tradicionais cuncas e pañoletas á xente que chega con reserva.

Ás 19:00 h. Será o momento no que se procederá á lectura do pregón.

A continuación, a música será xa a protagonista ata a madrugada do domingo 17 de abril. Ás 20:00 h. comezará o concerto de Carta de Ajuste, dueto que baixo o título de ‘O mellor e o peor dos 80 e dos 90 en concerto’ perpetrarán un show musical que fusiona música e humor para empezar a festa con bo rollo e risas.

Despois deles, ás 22:00 h. chegará o momento da banda ‘En Mala Hora’, chegados dende Ourense para poñer enriba do escenario o seu mellor repertorio de rock, pop e blues de todos os tempos.

E xa para rematar a festa, a partires das 00.00 h. e ata as 03.00 h. do domingo, DJ Rafa montará unha particular verbena con música para todos os públicos.

 

Banda ‘En Mala Hora’

También te podría gustar...