«Un canto pola paz». Concerto solidario de Abertal por Ucraína
- Será o vindeiro 25 de marzo ás 20:00 h. no Centro Cultural Avenida da Rúa
A Asociación Cultural Abertal, da Rúa, súmase á corrente solidaria galega con Ucraína organizando un concerto benéfico co mellor do seu repertorio.
Baixo o lema “un canto pola paz” convidan a toda a xente a encher o Centro Cultural Avenida da Rúa o vindeiro venres previo abono de 3 euros que serán destinados para unha boa causa, axudar á xente fuxida da guerra en Ucraína.
Os organizadores sinalan que aos 3 euros da entrada pódese arrimarlle “a vontade” e que o diñeiro recadado entregarase á Cruz Vermella, organización humanitaria encargada de xestionar o recadado en beneficio das refuxiadas e refuxiados ucraínas/os.
Para quen non queira ou non poda asistir contémplase a posibilidade de colaborar reservando entrada nunha ‘fila 0’.