Un camioneiro resultou ferido en Vilamartín ó sairse da vía na N-120
- A cabina quedou empotrada nun foso xunto a vía do tren
Un camioneiro resultou ferido esta mañá no concello de Vilamartín de Valdeorras, concretamente en Arcos, ó sufrir un accidente de tráfico. O seu camión saíuse da vía cando circulaba pola N-120, nas inmediacións da intersección de San Vicente e Córgomo.
O camioneiro foi evacuado de urxencia nunha ambulancia a un centro sanitario aínda que os efectivos sanitarios mobilizaron un helicóptero para asistilo. Coa axuda dos efectivos, a vítima puido abandonar o vehículo polos seus propios medios. Nun primeiro momento chegouse a pensar que o camioneiro estaba atrapado no interior da cabina do vehículo.
Ao redor das 11:45 unha persoa particular chamou ó 112 Galicia para dar conta do sinistro. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias alertou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Valdeorras. Tamén se informou ao GES, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.
Xa pola tarde, dous operarios se achegaron ata o lugar para sacar ó camión, sinalando que “saír acabará saíndo, pero leva o seu tempo, pode ser unha hora como dúas ou máis, depende de si se complica”.
Imaxes: