Últimos días para presentar traballos para o “XII Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración infantil e xuvenil”

Cartel XII Premio Pura e Dora Vázquez

 

O vindeiro 30 de marzo remata o prazo para presentar traballos para o “XII Premio Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O obxectivo do certame é recoñecer a calidade artística de traballos creados para nenos e xóvenes, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.

Os participantes deberán presentar os traballos tomando como base o texto gañador na modalidade de narración, que foi a obra Bicha, da escritora coruñesa Eli Ríos, texto que deberán solicitar no Negociado de Publicacións da Deputación de Ourense, ben persoalmente ou ben por correo electrónico ao enderezo: publicacions@depourense.es.

Os traballos de ilustración deberán remitirse ao devandito Negociado de Publicacións tendo en conta as seguintes bases:

Poderán concorrer ó premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións inéditas e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste XII Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración infantil e xuvenil.

As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte:

a.) Ilustración de portada: 145 x 210 mm, tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm tamaño total incluíndo solapas, contraportada e sangue.

b.) Ilustracións interiores: 296 x 216 mm dobre páxina con sangue.

A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico de las administracións públicas e do procedemento administrativo común conforme ás seguintes normas:

Os concursantes remitirán as ilustracións nun sobre pechado indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE ILUSTRACIÓN”, á seguinte dirección:

Deputación Provincial de Ourense

Rexistro Xeral

Rúa do Progreso, 32

32003 – Ourense

As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI.

O prazo de admisión de orixinais remata o 30 de marzo de 2015.

O xurado estará composto polos seguintes membros: o presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en quen delegue) e catro vocais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes da Deputación Provincial a proposta dos grupos políticos da Corporación. O xurado emitirá o seu ditame antes do 30 de abril de 2015.

O premio poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.

A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.

Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Rematado ese prazo os que non se retiren, serán destruídos.

A participación nesta convocatoria require a aceptación das normas contidas nas presentes bases.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais).

También te podría gustar...