Turismo reforza a promoción internacional do destino Galicia coa participación en dous eventos celebrados en Francia e Holanda

La Xunta promueve el turismo de naturaleza gallego en la feria INTUR de ValladolidCo obxectivo de reforzar a promoción internacional do destino Galicia, Turismo de Galicia, participou esta fin de semana en dous eventos organizados por Turespaña nas cidades de Burdeos (Francia) e Haarlem (Holanda), destinados a difundir os valores turísticos do territorio español entre o público francés e holandés.

Deste xeito, entre os días 11 e 13 de xuño, Turismo de Galicia contou cun recinto de promoción na Praza da Vitoria de Burdeos, onde se ofreceu información turística da Comunidade galega ao numeroso público que asistiu a este evento, organizado pola Oficina de Turismo de España en París.

Ademais, neste espazo tiveron lugar varias quendas de degustacións de produtos gastronómicos, viños e licores representativos de Galicia.

Por outra parte, ao longo dos días 12 e 13 de xuño, representantes de Turismo de Galicia participaron na promoción ‘Día de España en Haarlem’, unha cidade holandesa próxima a Amsterdam, na que se puido presentar a oferta turística galega aos milleiros de persoas que se achegaron ata a igrexa de Saint Bavo, lugar no que se desenvolveu este acto de difusión turística.

Nesta ocasión, contouse co apoio dunha exposición fotográfica relacionada cos recursos turísticos de Galicia que o público asistente puido visitar na propia igrexa, á vez que participaban nas degustacións de produtos gastronómicos galegos organizadas por Turismo de Galicia.

Viaxeiros franceses e holandeses
O mercado turístico francés rexistrou, no primeiro cuadrimestre deste ano 2015, un incremento importante nos establecementos hoteleiros de Galicia, superando nun 13,2% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,4% o número de noites do mesmo período do pasado ano.

En temporada baixa o mercado francés supón o 6,8% do turismo internacional da comunidade, constituíndo un mercado de gran importancia para Galicia.

Canto aos viaxeiros holandeses, nos catro primeiros meses deste ano 2015, Galicia rexistrou tamén un notable incremento deste mercado nos seus establecementos hoteleiros, superando nun 26,7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 24,1% o número de noites en relación ao mesmo período do pasado ano.

Turismo internacional
Polo que atinxe aos últimos datos da demanda global de viaxeiros estranxeiros, o pasado mes de abril, cabe salientar un forte crecemento que permitiu a este segmento acadar máximos históricos de volume –tanto de viaxeiros aloxados, con algo máis de 85.000, como de pernoitas, con preto de 132.000- así como de peso no conxunto da demanda ao situarse no 27,1%.

Por outra parte, o gasto total do turismo internacional na comunidade galega medrou o pasado mes de abril un 17,2% en relación ao mesmo mes do ano anterior, segundo os últimos datos da enquisa EGATUR, do Instituto de Turismo de España, que recolle as cifras relativas ao gasto que realizan en Galicia os visitantes non residentes no noso país.

Segundo esta enquisa, o gasto total que realizaron os turistas estranxeiros que visitaron Galicia neste abril de 2015 foi de 52.457.031 millóns de euros.

Así mesmo, o gasto medio por persoa tamén creceu no cuarto mes deste ano cunha suba do 4,9%, superando os 750 euros.

 

También te podría gustar...