Turismo de Galicia continúa co seu labor de promoción do golf como recurso turístico da comunidade galega, neste caso co patrocinio do torneo VI Open Rías Baixas e coa organización da visita dun xornalista holandés especializado neste deporte.
Deste xeito, o organismo de promoción do turismo galego figura como colaborador especial na organización do evento deportivo que se celebra no campo de Mondariz Balneario ata o día de hoxe.
Turismo de Galicia outorgará os trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría masculina, o trofeo á mellor clasificada nas categorías femininas, o trofeo ao mellor clasificado da categoría sénior e tamén ao mellor scratch.
Ademais o departamento de Turismo da Xunta de Galicia conta cunha presenza preferente en todos os soportes publicitarios e difundirá a oferta de golf de Galicia a través de 8.000 trípticos que se lle entregarán aos participantes e aos seus acompañantes. O organismo de promoción turística ocupa tamén varios espazos no campo cos que se promociona a oferta turística galega.
Prensa holandesa
Neste eido da promoción do golf, Turismo de Galicia organizou tamén a viaxe dun xornalista holandés especializado neste deporte, que está a visitar Galicia para coñecer de preto a oferta da comunidade.
O xornalista permanecerá catro días na Comunidade galega, onde xa visitou o Campo de Golf de Meis, as instalacións para a práctica do golf do balneario de Mondariz, así como o campo de golf Ría de Vigo.
Na súa estadía en Galicia, tamén poderá coñecer a oferta gastronómica e a distintas posibilidades que ofrece o territorio galego para complementar a práctica do golf co ocio e o turismo.