Turismo de Galicia terá esta semana dúas novas citas internacionais nas feiras MITT de Moscova e TUR de Goteborg
Turismo de Galicia continúa estes primeiros meses do ano 2015 co seu labor de promoción do destino turístico Galicia nos principais mercados internacionais. Así, entre os días 18 e 21 de marzo o ente de promoción turística da Comunidade galega participará na 22 edición do certame Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebrará na capital de Rusia, Moscova. Ademais, desde o día 20 e ata o 22 de marzo, a Xunta de Galicia promoverá o turismo galego na feira TUR de Goteborg, Suecia.
Polo que respecta á MITT, esta feira constitúe o evento sectorial de turismo máis importante dos que se celebran en Rusia e está aberta tanto aos profesionais como a público xeral.
Esta é a cuarta vez que Galicia participa nesta feira, onde se consolidarán os contactos iniciados cos operadores turísticos rusos en anteriores edicións e se abrirán novas canles con outros empresarios de turismo rusos e outros mercados satélites.
A feira MITT é unha grande oportunidade para chegar a un mercado potencial moi interesante para Galicia, como é o mercado ruso.
Segundo os datos do INE, no pasado ano 2014, visitaron Galicia un total de 7.911 viaxeiros rusos rexistrándose 12.984 pernoitas nos establecementos hoteleiros da nosa comunidade.
Tur de Goteborg
Por outra parte Turismo de Galicia promoverá a oferta turística da Comunidade galega e o Camiño de Santiago no certame turístico Tur de Goteborg, Suecia, entre os días 20 e 22 de marzo.
Esta feira caracterízase por rexistrar unha grande afluencia de público final con interese nos produtos turísticos europeos e, neste caso, o Camiño de Santiago, así como os recursos turísticos galegos relacionados coa natureza terán unha presenza especial no certame.
Polo que respecta aos turistas suecos, en 2014, no ámbito hoteleiro rexistráronse 8.570 viaxeiros e 12.601 pernoitas, polo que tamén este mercado é un mercado de gran importancia para a nosa comunidade.