Turismo de Galicia promove o Camiño de Santiago en Polonia a través da Feira Sacroexpo
O Camiño de Santiago foi esta semana unha das ofertas máis destacadas na feira especializada en turismo relixioso Sacroexpo que se celebrou na cidade polaca de Kielce.
Turismo de Galicia instalou un recinto de promoción exclusivo polo que pasaron milleiros de persoas en demanda de información sobre as distintas rutas do Camiño e a infraestrutura destas para acoller aos peregrinos.
Ademais, neste espazo ofreceuse información sobre os lugares máis importantes polos que pasa o Camiño, así como da cidade de Santiago e os distintos ritos propios da peregrinación a Compostela.
Esta foi a XVI edición da feira Sacroexpo, constituída como un dos eventos anuais máis importantes do centro de Europa relacionados co turismo relixioso, organizada nun país do que peregrinan a Santiago máis de 2.500 persoas.
Xornalista irlandés
Por outra parte, Turismo de Galicia promove a difusión dos valores do Camiño de Santiago en Irlanda coa organización dunha viaxe de familiarización co destino dun xornalista da publicación Outpost Magazine
O xornalista partiu de Sarria o pasado día 20 de xuño e está previsto que chegue hoxe 26 de xuño a Santiago de Compostela. No seu percorrido pola Ruta Xacobea fixo as etapas Sarria-Portomarín, Portomarín-Palas de Rei, Palas de Rei-Arzúa, Arzúa-O Pino e O Pino-Santiago de Compostela.
Na súa estadía en Galicia, Daniel Puiatti, ademais de entrar en contacto coa Ruta Xacobea e a súa infraestrutura de aloxamento, coñeceu tamén algúns establecementos de turismo rural de Galicia e a oferta gastronómica galega.
Irlanda é o quinto país por número de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago. O pasado ano, 5.026 irlandeses fixeron o Camiño, o que supuxo o 4,04% do total das persoas que peregrinaron a Compostela.