Turismo de Galicia pon en marcha o novo rexistro turístico RITGA, unha das principais iniciativas do Plan Smart Turismo
Turismo de Galicia, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), pon en marcha a renovación tecnolóxica do Rexistro de Establecementos de Actividades Turísticas (REAT) que permitirá un traballo máis áxil e flexible.
Así, despois de case un ano de traballo, unha das iniciativas fundamentais do Plan Smart Turismo será unha realidade. Nos próximos días levarase a cabo o traspaso de datos ao este novo sistema, o RITGA, para que empece a funcionar en produción, xa con novas pantallas e utilidades.
Turismo de Galicia renova así o rexistro oficial de recursos turísticos que levaba en funcionamento dende os anos oitenta. Aínda que durante moitos anos foi un sistema moi útil, coa enorme evolución das tecnoloxías o REAT precisaba de melloras que permitisen aproveitar ao máximo estes avances.
Durante esta fase, seguiranse implementando melloras pero xa sobre os datos reais e o traballo realizado polo persoal de Turismo de Galicia.
A actualización e mellora de utilidades do rexistro permitirá ofrecer datos para outras aplicacións e utilidades de Turismo de Galicia e unificará as bases de datos de recursos, conseguindo un único rexistro máis áxil e fiable.
Plan Smart Turismo
O Plan Smart Turismo, posto en marcha por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), ten como obxectivo o impulso da modernización e da competitividade do sector turístico galego a través das TIC.
Este Plan abarca o desenvolvemento de catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o Camiño de Santiago.