Turismo de Galicia participa no III Workshop Internacional de turismo relixioso en Fátima
Turismo de Galicia participa no III Workshop Internacional de Turismo Relixioso que celebrase na cidade portuguesa de Fátima do 20 a 23 de febreiro.
O workshop, organizado por ACISO -Asociación Empresarial Ourém-Fátima-, en colaboración co Municipio de Ourém e co apoio de Turismo de Portugal e de Turismo do Centro de Portugal, versará baixo o título “Turismo Relixioso – Novas Respostas a Novos Desafíos”.
O evento está dirixido a operadores turísticos de mercados internacionais tan relevantes como Brasil, España, Irlanda, Italia, Polonia, India, Indonesia, Corea do Sur, Filipinas e Colombia, entre outros.
Deste xeito, daranse cita neste workshop os operadores turísticos, tanto nacionais como internacionais, os axentes de viaxe e hoteleiros, entre outros empresarios do sector do turismo, especialmente vinculados ao turismo relixioso.
A celebración do encontro ten como obxectivo promover contactos comerciais entre os participantes e concienciar da importancia do turismo relixioso no contexto do sector turístico mundial.
Despois do éxito das dúas edicións anteriores, a organización espera que neste ano o workshop acolla mais de mil reunións e contactos.
Turismo de Galicia participará na mesa redonda que reflexionará sobre a dinamización dos destinos de turismo relixioso. Deste xeito, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, debaterá acerca da preparación dun destino dende o punto de vista do enriquecemento da experiencia do visitante, das súas accesibilidades, da vinculación con os recursos culturais e turísticos do entorno. Así, outro dos temas que serán abordados na dita mesa redonda será a articulación da actuación dos axentes públicos e privados.
O xerente do Xacobeo compartirá debate con representantes da Opera Romana Pellegrinaggi, da Arquidiocese de Aparecida e co presidente da Rede de Judiarias de Portugal.
A terceira edición deste workshop de turismo relixioso acollerá outros interesantes relatorios como “Fátima 2017 – unha ruta conmemorativa” ou a mesa redonda sobre a comunicación estratéxica dos destinos relixiosos, na que participará o historiador e autor de “Camiños de Santiago”, Paulo Almeida Fernandes.