Turismo de Galicia investiu no 2014 máis de 550 mil euros na rede pública de albergues do Camiño de Santiago
- 13O obxectivo é conservar e protexer os 70 albergues que conforman a rede pública e que ofrecen un total de 3.278 prazas ao longo das distintas rutas xacobeas para que cumpran uns niveis de calidade axeitado
- Esta mañá, a directora de Turismo de Galicia, o alcalde de Xunqueira de Ambía, e o xerente do Xacobeo visitaron o resultado das obras de reparación e mellora do albergue público de peregrinos do concello ourensán
- No 2014, preto de 8.500 peregrinos escolleron a Vía da Prata para facer o seu camiño a Compostela, o que sitúa esta ruta na quinta máis transitada
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo alcalde de Xunqueira de Ambía, Jose Luis Gavilanes, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, visitou onta e mañá o resultado das obras de reparación e mellora do albergue público de peregrinos de dito concello ourensán.
As obras estiveron encamiñadas a mellorar a habitabilidade do albergue debido a que nas zonas comúns se alcanzaba en verán unha temperatura moi elevada. Desta forma, o albergue mellorou as súas condicións de acollida e ventilación.
A actuación consistiu concretamente na instalación dunha celosía corredoira de apertura e peche manual, para deste xeito tamizar a luz entrante, a substitución dunha ventá fixa na fachada noroeste, por unha practicable, e a execución de goteróns nas ventás da fachada, uns elementos constritivos que teñen como misión impedir a escorrentía da auga da chuvia.
Así mesmo, leváronse a cabo accións de mantemento relativas á reparación do solado das habitacións, á instalación eléctrica e á OCA -Revisión Organismo de Control Autorizado-.
Con estas obras preténdese mellorar a calidade das instalacións para que todos os albergues da rede pública do Camiño de Santiago cumpran uns niveis de calidade axeitados.
Nesta liña, a Xunta de Galicia realiza grandes esforzos en conservar e protexer esta rede pública de albergues, que no pasado ano acolleu un total de 336.739 peregrinos, con labores de mantemento, reparación e mellora continuas.
Así, no 2014 Turismo de Galicia investiu máis de 550 mil euros nas obras efectuadas nos 70 establecementos que conforman a rede pública de albergues do Camiño e que ofrecen un total de 3.278 prazas ao longo das distintas rutas xacobeas.
A dotación destas prazas de aloxamento, o feito de ter unha rede perfectamente estruturada e habilitada para a acollida aos peregrinos, así como o feito de contar con prazas adaptadas a persoas con diversidade funcional conforman unha infraestrutura de aloxamento galega digna do Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
Máis de 1.900 pernoitas no 2014